DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

miércoles, 31 de marzo de 2010

Un desastre que se aveciña: o novo Plan Eólico en Galicia


No DOGA de hoxe podemos atopa-la orde do novo plan eólico de Galicia que ten como obxectivo acadar no 2012 unha potencia de 6500MW. Unha praga que ameaza con continuar estragando os nosos montes, a nosa fauna e o noso patrimonio.

Deixo enlaces ó documento do DOGA co detalle, e ó plano do INEGA co mapa do proxecto e as zonas de reserva.

Orde do DOGA

Plano do INEGA

martes, 30 de marzo de 2010

Chegou a primavera natural

Poucos cantos de aves soan tan cerimoniais como o canto do cuco (cuculus canorus) que nos amosa puntualmente a chegada da primavera. Hai un par de semanas este misterioso e sosegado son resoaba xa polos nosos bosques. Con algo máis de trinta cms, cor cincenta nos machos e máis parda nas femias, patas e ollos amarelos o cuco permanece na nosa terra de marzo a setembro. Aínda que pode confundirse co gabián en voo, distínguese por te-lo cuco un aletexo constante e as ás máis apuntadas. Na busca de alimento, sente unha especial debilidade pola procesionaria do piñeiro. Vermes e insectos completan a súa dieta.

A chegada doutras aves, ó igual que o cuco, sinalan o troco de estación e o aumento das temperaturas despois do inverno. Bubela (upupa epops), rula común (streptopelia turtur) e andoriña común (hirundo daurica), todas elas estivais en Galicia, xa chegaron como podedes ver nas imaxes.

Pero este comezo de primavera con tanta auga, fai que sigamos gozando da fermosa píntega común ( salamandra salamandra) nos nosos camiños. En clara regresión pola destrución do seu hábitat, este anfibio terrestre de actividade nocturna que escolle os nosos bosques para vivir, ten preferencia polas zonas húmidas e escuras. Salienta-la súa reprodución ovípara de tal xeito que os ovos se desenvolven e eclosionan dentro da propia nai. Os exemplares mellor dotados que conseguen chegar a adultos, poden vivir ata os vinte anos.

jueves, 25 de marzo de 2010

Adiado o roteiro polo Suído do vindeiro sábado


Debido ás previsións de choiva, e á auga que temos agora no percorrido previsto, aprázase a saída do próximo sábado. Ademais da choiva, os camiños teñen moita auga e non todo o mundo ten goretex para non rematar cos pés totalmente mollados. Tentarémolo un pouco máis adiante cando o tempo acompañe e nos permita gozar da paz antiga do Suído.

jueves, 4 de marzo de 2010

Suído branco

E así, como podedes ver nas imaxes é como nos recibiu o Suído. Branco e sosegado. Fermoso.
Subimos co gallo de patea-lo monte para identifica-lo uso que fai o lobo do seu territorio despois da tempada de caza, para facerlle o seguimento deste ano no que tentaremos censa-lo grupo e confirmar reprodución.

O chan cuberto de neve fixo que a pesares de non percorrer moita distancia, tivésemos sorte e atoparamos rastros recentes dun exemplar. Nas imaxes podedes ve-las pegadas e os rascazos que atopamos. É o comezo doutra apaixoante tempada tralas pegadas do lobo ibérico no seu medio natural.

O ano pasado puidemos censa-lo grupo (manda) e tivémo-la sorte de poder observar un bo número de veces ó noso amigo. Nunha ocasión gozamos de preto, sen nin sequera precisar prismáticos, do grupo completo antes da época de reprodución ( no mes de maio). Catro exemplares marchando en formación pola serra, deténdose para ollarnos, amosando unha sensación de forza e poderío como lle corresponde ó rei do monte. Un emocionante encontro que non esquecerei.