DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

domingo, 19 de junio de 2011

Unha mirada inocente: Raposos, lobos e homes



**podedes premer nas imaxes para amplialas.


Subía cara a montaña na procura dos lobos, e antes de chegar ao punto no que ía agardalos, mirei un raposo a miña esquerda, a uns poucos metros. Non sabía eu que ese sábado ía ser especial.


O pequeno raposo (esp zorro, nc Vulpes vulpes) seguiu o seu camiño facendo altos para ollarme con moita tranquilidade, aparentemente sen asustarse. Seguiu coa súa folla de ruta buscando comida incesantemente entre o mato, marcando as rochas, bocexando, rascándose, comendo (por fin!) e todo isto sempre preto de onde eu estaba. Así durante máis dunha hora.


Nas primeiras luces do día puiden ver a un fermoso e pequeno animal, mollado, confiado, loitando por sobrevivir e coa mirada inocente da natureza. O medo que teñen aprendido a maioría dos animais que comparten o espazo con nós semellaba non estar presente. A pesar de gozar dun momento único algo o enturbaba. De cando en cando lembraba o anacrónico e rancio espectáculo dos campionatos de caza de raposo que se celebran cada ano en Galicia. E así observaba ao meu compañeiro de espera alleo aos meus pensamentos. Lembreime tamén dos compañeiros de Matarpormatarnon e do seu valioso traballo defendendo a vida dos máis indefensos, como o meu novo compañeiro.


Nun momento no que o perdín de vista entre os toxos, decidín montar o telescopio para adicarlle algo de tempo aos lobos. Tirando cada un alto puiden ver que algo escuro se movía entre a vexetación. Enfoquei e resultou ser un xabaril (esp jabalí, nc Sus scrofa), seguido pouco despois por outros exemplares que remexían a terra na procura dalgún alimento. Foi nese intre cando un pouco máis abaixo os lobos comezaron a ouvear. Varios exemplares entoaban un canto melódico, tal vez o máis fermoso da natureza. Bo sinal porque os meus "amigos" seguían alí.

Un rato despois de esguello vin que algo se moveu ás miñas costas. Mirei, e era o pequeno raposiño que debía ir de retirada cara ao seu encame diúrno. Co meu movemento, decatouse da miña presenza cando case pasaba de largo, detívose, recuou e tirou cara mín. E alí se sentou, a tres metros de onde me atopaba o meu exótico compañeiro de espera esa mañá.