DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

viernes, 20 de enero de 2012

O que se bota de menos


Pasaba o tempo, botaba algo de menos pero non sabía exactamente qué era.

A pesar da previsión de choiva o pasado domingo decidimos subir ao monte, en principio só para dar unha volta. Unha vez alí xa fomos entrando en calor cando atopamos algún rastro do lobo. Pero o ánimo axiña se prendeu e deu paso a unha busca concienciuda nos puntos clave "explorando" a zona. Atopamos un lugar rico en rastros, e decidimos que era o lugar da espera.

A temperatura e a auganeve, deron paso cara ao mediodía a unha boa nevada. En media hora todo era de cor branca. O coche estaba cuberto por máis de dez centímetros de espesor de neve. Nun intre, sen darnos conta porque estabamos centrados observando o terreo, todo se volveu máxico. O manto branco e o silencio brindounos unha paisaxe espectacular. E cos sentidos espertos, coma se o tempo se parase, deixando apartados outros pensamentos, gozamos daquel emocionante momento.

E así vimos un movemento non moi lonxe.

Prismáticos, e localizamos un fermoso raposo na procura de alimento remexendo a neve. Incansable durante máis de media hora deu voltas pola chan, e nós observamos ao raposiño fráxil e fermoso loitando por saír adiante. Nese mesmo intre, non puiden evitar pensar que en Galicia se celebran campionatos para matar raposos nos que gaña quen máis animais mata. E co paso dos anos e contemplando ao raposiño indefenso, sigo sen comprendelo.

Pouco a pouco a luz do día ía minguando.

Comezaba a pensar que ese día non tería sorte. Pero a sorte, a casualidade, a experiencia, ou un pouco de todas, déronme a recompensa polas horas de espera. Chegaron como nunca os vira. Xa antes os tiña mirado xogar, incluso con outros animais, pero o magnífico alarde de potencia correndo, derrapando e saltando na neve foi marabilloso. Lonxe da incomprensible imaxe que se ten deste animal, e coma min, por un tempo apartando cuestións máis transcendentais e deixando saír esa parte lúdica que semella que a neve esperta en nós, tamén os lobos se entregaron a unha morea de xogos.

Pero non podería rematar este relato así sen ser inxusto. Teño que agradecerlle a unha persoa moi sabia que me acompañaba, primeiro por atopar o lugar idóneo para a espera como se demostrou máis tarde. Despois porque en plena observación sen pensalo saquei a réflex, e ela me dixo "disfruta". Tan simple. Tan certo. Esa vez era para min. Captando a esencia de liberdade sen preocuparme de buscar enfoques e arriscarme a que me detectasen e marchasen. Tamén por acompañarme, como tantas outras veces, a unha zona de lobo sabendo a hora de partida pero non a de chegada. Así que desta vez o mérito é de Bego.


viernes, 6 de enero de 2012

ACOPO presenta alegacións contra o proxecto mineiro de Gargamala nas inmediacións do Suído

Dende a Asociación Coordinadora Protectoras Pontevedra (ACOPO) presentamos alegacións contra o proxecto mineiro de Gargamala, parroquia de Mondariz. Esta zona do Coto de Eira atópase nas inmediacións da Serra do Suído que foi recentemente proposta pola propia Xunta de Galiza para ser incluída na Rede Natura 2000. Polo tanto resulta contraditorio que por un lado se propoña incluír unha zona como zona protexida polo seu alto valor ecolóxico, e que se pretenda aprobar un proxecto mineiro nas súas inmediacións que ocasionaría danos irreparables na flora e na fauna, e no noso patrimonio como podería ser a afectación que suporía para o foxo do lobo xa que a explotación chegaría mesmo a un dos seus muros.

Máis información na web de ACOPO
http://acopo.weebly.com/