miércoles, 12 de enero de 2011

STOP campionatos de caza do raposo en Galicia

Recollida de firmas contra os campionatos de caza de raposo en Galicia.

Firmas: http://www.thepetitionsite.com/4/save-the-spanish-foxes/

Hai case un ano soubemos que os compañeiros de MATARPORMATARNON organizaban unha protesta pola celebración dos campionatos de caza do raposo en Galicia. O lugar elixido era A Cañiza, onde se desenvolvería o Campionato Galego de Caza do Raposo, que consiste en ver quen é quen de matar máis animais. ¿ Raposos? ¡ estes pequenos e fermosos animais!. Fomos cara a Cañiza pensando que esa protesta tería un seguimento masivo, e resultou que uns poucos valentes resistían as duras condicións climatolóxicas e plantaban cara a irracionalidade desta actividade entre os que estaban MATARPORMATARNON, Protectora Moura e, non podían faltar, os amigos e amigas da Protectora de Marín.

Este xaneiro repítense as matanzas en Galicia.

Probablemente a única razón pola que se manteñen estas cacerías co único obxecto de matar animais, é que pasan inadvertidas para a meirande parte de nós. Non interesa que se coñezan polo rexeitamento social que xerarían. Por iso se estás en contra destas matanzas indiscriminadas de raposos, apoia a campaña e farás chegar á administración a túa opinión de respecto pola vida e polos animais.

Firmas: http://www.thepetitionsite.com/4/save-the-spanish-foxes/

domingo, 2 de enero de 2011

S.O.S. Suído

O espazo natural do Suído está seriamente ameazado. A pesar das agresións que xa sufriu, mantén un enorme valor patrimonial e unha rica biodiversidade. No mes de Xuño, presentamos alegacións contra o proxecto de instalación dun novo parque eólico na zona do Coto de Bidueiros, que moitos de vós coñecedes. O pasado 17 de Decembro sometéronse a exposición pública os proxectos de investigación mineira para realizar catas por toda a serra, para cuantificar a cantidade e calidade de diversos minerais como Tungsteno, Tántalo, Niobio, Litio e Estaño. Estas catas son a fase previa á explotación mineira a ceo aberto. Hai 30 días dende a publicación no DOG (17/12/2010) para presentar alegacións para tentar parar o proxecto. Presentarei o meu documento esta semana, e calquera de vós pode facer o mesmo a título persoal ou en representación dun colectivo, para conservar esta serra tal e como a coñecemos hoxe.

Non consta que se fixese ningún estudo de impacto medioambiental previo para avaliar os estragos que se producirían coas perforacións, co paso de maquinaria pesada e a apertura de pistas por toda a serra. Sen esta análise previa ós traballos mineiros, non se poderá esixir á empresa nin á administración a restauración total das zonas danadas aínda que moitos dos danos serían irreparables.

Animádevos a presentar alegacións xa que é unha das poucas ferramentas coas que contamos para defender o noso patrimonio e a nosa terra.

Consultar o DOG dos proxectos mineiros Carlota e Macarena
Consultar o DOG dos proxectos mineiros Carlota e Macarena

Modelo de alegacións para proxectos mineiros no Suído "Carlota" e "Macarena"
Modelo de alegacións proxectos Carlota e Macarena

¿ Cómo presentar as alegacións?
É moi sinxelo. Poden presentarse directamente en calquera concello se teñen Portelo único, ou en calquera Rexistro da Xunta ( como o do Naútico en Vigo) que é a opción máis sinxela. Tamén poden enviarse por correo certificado, neste caso dirixidas á delegación correspondente da Consellería de Industria ( a dirección está no meu documento de alegacións ou na publicación do DOG do 17 de Dec), sempre con acuse de recibo e facendo que en correos che selen unha copia antes de enviala. Para isto tes que levar o sobre aberto e unha copia, amosarlla ó funcionario e que cha sele no intre antes de pechar o sobre.