DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

domingo, 23 de septiembre de 2012

A miña paixón polo lobo


 


Lonxe das presas da vida cotiá agóchase outro mundo fantástico no que o tempo semella camiñar máis de vagar. Un mundo sen ruídos e cheo de vida. A esencia doutra época. Os recunchos que sosteñen aínda ao lobo ibérico e a outras moitas especies que viven a marxe do bulicio das cidades.

Co paso do tempo manteño intacta a ilusión e paixón, e son quen de vivir de forma intensa cada momento que paso no noso medio natural lonxe das cidades e pobos. Tiven dous bos mestres. Félix Rodríguez de la Fuente, e posteriormente o lobo. Ao primeiro escoitábao enfeitizado cando era un neno dende a miña casa familiar en Vigo. Lembro como aqueles inesquecibles capítulos de "El Hombre y la Tierra" me abriron a fiestra á natureza, e como o ouveo do lobo espertaba en min moitas emocións. E o lobo é meu compañeiro de ruta dende hai anos. A súa naturalidade e frescura conseguen case que me esqueza de todo o demais mentres observo como se alimentan, como descansan ou como se quentan ao sol. Pero o que máis me gusta e observar como xogan. Algo que a maioría da xente non sabe (en realidade aínda que todo o mundo fala do lobo refírense a un mito que nada ten que ver co animal que deixa as súas pegadas no noso monte) é que os lobos teñen un amplo repertorio de xogos que contribúen a consolidar a estrutura do grupo. Tamén son especiais as observacións de todos os membros da familia xuntos desprazándose polo monte pola sensación de "forza" que transmiten.

Nunha ocasión dixen que compartía gusto "estético" cos lobos porque da súa man cheguei a coñecer os lugares máis fermosos de Galicia, Cantabria, Castela e León e o norte de Portugal ( se tedes ocasión non deixedes pasar a oportunidade de coñecer Castro Laboreiro e Pitões das Júnias en Portugal). E certo que hai grupos de lobos que non teñen outro remedio que vivir en medios humanizados como así levo constatado nos últimos anos, pero outros aínda sobreviven en zonas de montaña onde te podes perder e pasar xornadas de campo inesquecibles.

Para min esas xornadas de campo tan especiais consisten, do mesmo xeito que cando comecei, en escoitar un ouveo ao lonxe, a emoción de atopar as súas pegadas ou os seus excrementos, a carreira do corzo que me pon en alerta ante a posible presenza do lobo, percorrer o seu territorio ou atopar o dun grupo novo, pero a miña máxima satisfacción moito máis aló das observacións é constatar que o lobo segue aí e que foi quen de superar ás adversidades que se cruzan no seu camiño. É indubidable tamén que a sensación de atopar entre o mato orellas "picudas" é marabillosa. Cada ano cando observo aos cachorriños xogar baixo a
atenta vixilancia da loba, esperta en min toda a ilusión dun futuro mellor para o lobo ibérico.

Sempre hai que quedarse coa parte positiva das cousas pero non quero deixar pasar a oportunidade para lembrar que é responsabilidade de todos contribuír a que se conserven tanto o noso lobo como o noso patrimonio natural. 

A miña contribución esta vez é compartir con vós un instante da intimidade da vida dos lobos ibéricos para tratar de contaxiarvos algo da paixón que sinto por eles e poidades axudarme no camiño da súa conservación. Déixovos unha captura de vídeo de dous "cachorróns" xogando, gravado a case dous Km do seu encame. A calidade da captura de vídeo non é boa pero suficiente para imaxinar a marabillosa escena.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada