DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

martes, 31 de marzo de 2015

A VERDADEIRA FORZA DO LOBO IBÉRICO


Tras varias xornadas de rastrexo despois de localizar excrementos, pegadas, rascazos e carroñas, xa teño suficiente información para elixir algún punto elevado no que facer unha espera. Na miña busca, ao meu paso deixei lugares da nosa terra incribles e agochados onde só os lobos poden levarte, que por sorte están lonxe dos intereses dos homes que poderían rematar por estragalos. Aquí non hai nin estradas, nin pedreiras, nin parques eólicos. E que siga así para que poidamos conservar un pequeno anaco da rica natureza galega para os fillos dos nosos fillos.


Fago unha última "exploración" para situarme ben e identificar cales poderían ser os puntos clave dos lobos, tamén elixo tres zonas elevadas dende onde probarei a facer as esperas. Marcho sabendo que despois da tempada de caza os lobos seguen aí a pesar duns poucos que fan todo o posible por matalos.


Chega o día da espera e cargo telescopio, trípode, cámaras e prismáticos, roupa de abrigo, coche e cara a serra. Estou no monte cando aínda é noite pechada, e camiño a paso apurado 45 minutos mentres me acompáñan os sons da noite. Chego confiando en ter acertado coa interpretación dos datos que obtiven nas xornadas anteriores. Instálome, e camuflado no medio dos toxos semello unha rocha máis.


Con moita ilusión comezo a buscar nun claro arredor dunha zona de mato alto, por un cortafogos e nalgún camiño. Vexo dous xabarís, un grupo de vacas que aínda están deitadas e cabalos. Tras case una hora detecto un movemento no claro. Enfoco ben o telescopio e atopo un lobo adulto que se dirixe cara o cortafogos, pero hai máis movemento. Vexo un segundo lobo, un terceiro, un cuarto e o quinto. Nese momento estou vendo como un grupo familiar de lobo ibérico percorre o seu territorio. Transmiten forza e nobreza, e toda esa parte salvaxe que xa perdemos nós, a sensación de liberdade.


Cruzan o cortafogos e tres exemplares adultos déitanse sobre unhas rochas para quentarse ao sol. Mentres, os dous exemplares subadultos comezan a xogar para fortalecer o vínculo familiar, a unión do grupo, a verdadeira forza do lobo ibérico. Podedes ver a continuación un fragmento do vídeo cos xogos dos dous lobos.


                                       Pulsa sobre a imaxe ou sobre o link para ver o vídeo.





No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada