DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

martes, 30 de marzo de 2010

Chegou a primavera natural

Poucos cantos de aves soan tan cerimoniais como o canto do cuco (cuculus canorus) que nos amosa puntualmente a chegada da primavera. Hai un par de semanas este misterioso e sosegado son resoaba xa polos nosos bosques. Con algo máis de trinta cms, cor cincenta nos machos e máis parda nas femias, patas e ollos amarelos o cuco permanece na nosa terra de marzo a setembro. Aínda que pode confundirse co gabián en voo, distínguese por te-lo cuco un aletexo constante e as ás máis apuntadas. Na busca de alimento, sente unha especial debilidade pola procesionaria do piñeiro. Vermes e insectos completan a súa dieta.

A chegada doutras aves, ó igual que o cuco, sinalan o troco de estación e o aumento das temperaturas despois do inverno. Bubela (upupa epops), rula común (streptopelia turtur) e andoriña común (hirundo daurica), todas elas estivais en Galicia, xa chegaron como podedes ver nas imaxes.

Pero este comezo de primavera con tanta auga, fai que sigamos gozando da fermosa píntega común ( salamandra salamandra) nos nosos camiños. En clara regresión pola destrución do seu hábitat, este anfibio terrestre de actividade nocturna que escolle os nosos bosques para vivir, ten preferencia polas zonas húmidas e escuras. Salienta-la súa reprodución ovípara de tal xeito que os ovos se desenvolven e eclosionan dentro da propia nai. Os exemplares mellor dotados que conseguen chegar a adultos, poden vivir ata os vinte anos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario