E así, como podedes ver nas imaxes é como nos recibiu o Suído. Branco e sosegado. Fermoso.
O chan cuberto de neve fixo que a pesares de non percorrer moita distancia, tivésemos sorte e atoparamos rastros recentes dun exemplar. Nas imaxes podedes ve-las pegadas e os rascazos que atopamos. É o comezo doutra apaixoante tempada tralas pegadas do lobo ibérico no seu medio natural.
Subimos co gallo de patea-lo monte para identifica-lo uso que fai o lobo do seu territorio despois da tempada de caza, para facerlle o seguimento deste ano no que tentaremos censa-lo grupo e confirmar reprodución.
O ano pasado puidemos censa-lo grupo (manda) e tivémo-la sorte de poder observar un bo número de veces ó noso amigo. Nunha ocasión gozamos de preto, sen nin sequera precisar prismáticos, do grupo completo antes da época de reprodución ( no mes de maio). Catro exemplares marchando en formación pola serra, deténdose para ollarnos, amosando unha sensación de forza e poderío como lle corresponde ó rei do monte. Un emocionante encontro que non esquecerei.
No hay comentarios:
Publicar un comentario