DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

viernes, 24 de diciembre de 2010

30 minutos en Liméns

No meu tempo de lecer adoito tirar cara as montañas, pero como as vacacións dan para moito, achegueime tamén ata a costa. Esta entrada vai dedicada á escasa media hora que me levou facer parte do paseo que vai dende a praia de Liméns ata Cangas. É posible que aparentemente non se poida comparar coa grandeza das nosas serras, pero a veces o sinxelo e inesperado, pode resultar do máis agradable.

Comezamos o paseo dende o complexo dunar da praia de Liméns, e seguimos o sendeiro que vai a carón do mar de augas cristalinas durante todo o percorrido. As vistas son espectaculares. Podemos gozar de toda a maxestosidade da ría de Vigo, incluídas as Illas Cíes. Tivemos a sorte de observar ós arroaces (esp delfín mular , nc Tursiops truncatus) moi preto de terra. O grupo de golfiños ía seguindo a estela dun barco pesqueiro probablemente na procura de alimento. Entre tanto, deleitáronnos con algunhas piruetas e emocionantes xogos. Lembráronme aqueles intres cando era un neno, nos que dende a fiestra da miña casa observaba aqueles misteriosos animais que representaban para mín os enigmas agochados no mar.

Tamén vimos aves como píllara riscada (esp vuelvepiedras Común, nc Arenaria interpres), corvos mariños cristados (esp cormorán moñudo, nc Phalacrocorax aristotelis), gaivota chorona (esp gaviota reidora, nc Larus ridibundus) entre outras, onde non podía faltar o chasco ( esp tarabilla común, nc Saxicola torquata).


Un paseo agradable, apto e recomendable para calquera.

No hay comentarios:

Publicar un comentario