DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

lunes, 6 de diciembre de 2010

Lobo e neve

O frío e a neve dos últimos días conforman unha paisaxe fermosa. A medida que avanzamos atopamos os rastros da actividade da noite anterior. Pegadas de corzos, xabarís, raposos, garduñas, coellos, lebres e pequenos mamíferos na procura de alimento. Agora, á luz do día todo semella calmo. Seguimos camiñando e gozando dos sons do monte.

Subimos por unha pendente de rochas e pedra cara un alto. Paga a pena o esforzo. Internámonos en paisaxes de soidade. Nos últimos días co frío e o xeo como aliados, a montaña permaneceu illada. Tan só silencio. Seguimos os pasos esquecidos dos celtas que tempo atrás poboaron esta terra, e imaxinamos como sería a súa vida, os seus costumes. O respecto pola natureza. Pedra e terra.

Durante o ascenso atopamos pegadas como dun can grande. Xesta rastrexa e lévanos ata uns excrementos recentes. O seu contido apunta alimentación silvestre. A poucos metros atopamos rabuños no medio do camiño e restos de ouriños. Alí lonxe dos homes puidemos imaxinar ó rei do monte peiteando o seu territorio. Atopámonos non moi lonxe da lobeira empregada ata hai poucos meses, e que abeirou ás crías nos primeiros meses de vida. Aínda que esta vez non o vimos, voltamos para a casa cheos porque sabemos que o lobo continua alí desafiando o futuro incerto que o asedia.


No hay comentarios:

Publicar un comentario