DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

viernes, 22 de abril de 2011

Regreso a casa


Despois duns meses volvín ó Suído que me recibiu fresco e florido. Achegámonos á zona da serra mellor conservada lonxe dos parques eólicos, onde a pegada do home non é tan evidente, e onde aínda se pode gozar da paz antiga da serra.


No primeiro tramo atopei na pista marcas de maquinaria pesada que estivo limpando o mato, e tamén o rastro dunha moto que escarvando subira cara ó Suído. Respirei tranquilo cando comprobei que fora unicamente na primeira parte da pista, e que non seguiran cara á zona alta.

Xa arriba estivemos buscando os rastros que nos interesaban e cando xa demos o choio por feito, fomos cara a unha zona húmida onde sempre atopamos algo de interese. Ó chegar fomos directamente a ver ás orballiñas (esp Drosera, nc Drosera Rotundifolia) porque non nos cansamos de observar a beleza destas pequenas plantas carnívoras. Preto atopamos algúns anfibios como a rá patilonga (esp Rana patilarga, nc Rana ibérica) e rá verde (esp Rana verde, nc Rana perezi) , un macho das silveiras (esp Lagarto verdinegro, nc Lacerta schreiber) quentando o corpo, e unha incesante danza de bolboretas como chuchaleites (esp Chupaleches, nc Iphiclides podalirius). Sentámonos a gozar do espectáculo e cara ao mediodía volvemos para casa contentos coma nenos e como se fose a primeira vez.

martes, 12 de abril de 2011

Lobos mortos Galicia 2010


Datos oficiais sitúan a cifra de lobos mortos en Galicia no ano 2010, en dez exemplares. Tres lobos caeron en ganchos, un por atropelo, outro por ferida provocada polo home, dous por veleno e tres máis por causas descoñecidas. No informe constan seis ganchos autorizados en Lugo nos que se abatiron tres exemplares, e tres esperas sen resultados. Os datos non recollen a totalidade dos casos coñecidos. Por exemplo, en Pontevedra no pasado mes de Outubro un lobo morreu pouco despois de ser rescatado dun lazo no concello de A Cañiza e non aparece neste informe (http://www.farodevigo.es/comarcas/2010/10/24/lobo-muere-caer-lazo-puesto-caniza/484045.html).

Probablemente as cifras de mortalidade non natural sexan maiores e como se recolle no informe o veleno segue presente nos nosos montes. Cando este se incorpora á cadea alimentaria pasa sen control dunhas especies a outras provocando estragos irreparables. No caso do lobo pretende controlar a súa poboación para limitar os danos ó gando e ás especies cinexéticas. Pero pode afectar tamén a outras especies en perigo, como as aves rapaces, podendo ameazar localmente a viabilidade das súas poboacións. Dende a Coordinadora Protectoras Provincia Pontevedra imos a solicitar á Xunta que apliquen medidas de prevención e sancións para protexer á nosa fauna contra a lacra social do veleno.


Nota de prensa Coordinadora Protectoras Provincia Pontevedra
Ler Nota