DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA
Mostrando entradas con la etiqueta Suido. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Suido. Mostrar todas las entradas

viernes, 6 de enero de 2012

ACOPO presenta alegacións contra o proxecto mineiro de Gargamala nas inmediacións do Suído

Dende a Asociación Coordinadora Protectoras Pontevedra (ACOPO) presentamos alegacións contra o proxecto mineiro de Gargamala, parroquia de Mondariz. Esta zona do Coto de Eira atópase nas inmediacións da Serra do Suído que foi recentemente proposta pola propia Xunta de Galiza para ser incluída na Rede Natura 2000. Polo tanto resulta contraditorio que por un lado se propoña incluír unha zona como zona protexida polo seu alto valor ecolóxico, e que se pretenda aprobar un proxecto mineiro nas súas inmediacións que ocasionaría danos irreparables na flora e na fauna, e no noso patrimonio como podería ser a afectación que suporía para o foxo do lobo xa que a explotación chegaría mesmo a un dos seus muros.

Máis información na web de ACOPO
http://acopo.weebly.com/

miércoles, 24 de agosto de 2011

Terra de abundancia

A través das súas chairas, sesteiros, toxos sañudos, fentos e xestas camiña a quen tal vez lle deba o nome a Serra do Suído. É posible, aínda que non se sabe con certeza, que a causa fora a abundancia de suídos noutro tempo. O xabarín ( esp jabalí, nc Sus scrofa) da familia dos suídos, onde se atopa tamén o porco, é un mamífero artiodáctilo. É un omnívoro de mediano tamaño e moi compacto. A boa vista non é unha das súas cualidades destacadas (por experiencia), pero ten un bo olfato xa que habitualmente detecta alimento que está baixo terra. Como a maioría dos animais silvestres tenlle un medo atroz ao home e cando se atopa con nós normalmente fuxe tan rápido como pode.


Pero agora neste tempo estival a serra está chea de vida, sons e cor alí onde vaias. As aves rapaces planexan ou vixían atentas dende algún penedo ( estes días podemos observar no sur da serra varios exemplares de voitres comúns (esp buitre leonado, nc Gyps fulvus)), podemos atopar tamén aos mamíferos máis interesantes e nalgún caso coas súas crías, o chan está repleto de insectos e poden pasar horas sen que te enteres mentres tratas de identificalos. Tamén se deixan ver os reptís como a víbora de seoane (esp víbora de seoane, nc Vipera seoanei) ou o lagarto das silveiras (esp Lagarto verdinegro, nc Lacerta schreiber). Para rematar, nas zonas húmidas pequenas pero sempre presentes están as orballiñas (esp Drosera, nc Drosera rotundifolia), plantas carnívoras e se nos fixamos ben nela poderemos ver como se alimentan de desafortunados insectos que quedan atrapados nos seus pegañentos capilares. Cada vez que paso por algunha destas zonas húmidas paro aínda que sexa un chisco para contemplar a estas resistentes plantiñas que son outro dos atractivos pouco coñecidos da serra. Nas imaxes podedes ver ademais do xabarín ao lagarteiro peneireiro (esp Cernícalo común, nc Falco tinnunculus) ao colorido besbello chirriador (esp Saltamontes chirriador, nc Mecostethus grossus) e ao tradicional miñato común (esp Busardo ratonero, nc Buteo buteo).





















Adicado a Supertramp

domingo, 19 de junio de 2011

Unha mirada inocente: Raposos, lobos e homes



**podedes premer nas imaxes para amplialas.


Subía cara a montaña na procura dos lobos, e antes de chegar ao punto no que ía agardalos, mirei un raposo a miña esquerda, a uns poucos metros. Non sabía eu que ese sábado ía ser especial.


O pequeno raposo (esp zorro, nc Vulpes vulpes) seguiu o seu camiño facendo altos para ollarme con moita tranquilidade, aparentemente sen asustarse. Seguiu coa súa folla de ruta buscando comida incesantemente entre o mato, marcando as rochas, bocexando, rascándose, comendo (por fin!) e todo isto sempre preto de onde eu estaba. Así durante máis dunha hora.


Nas primeiras luces do día puiden ver a un fermoso e pequeno animal, mollado, confiado, loitando por sobrevivir e coa mirada inocente da natureza. O medo que teñen aprendido a maioría dos animais que comparten o espazo con nós semellaba non estar presente. A pesar de gozar dun momento único algo o enturbaba. De cando en cando lembraba o anacrónico e rancio espectáculo dos campionatos de caza de raposo que se celebran cada ano en Galicia. E así observaba ao meu compañeiro de espera alleo aos meus pensamentos. Lembreime tamén dos compañeiros de Matarpormatarnon e do seu valioso traballo defendendo a vida dos máis indefensos, como o meu novo compañeiro.


Nun momento no que o perdín de vista entre os toxos, decidín montar o telescopio para adicarlle algo de tempo aos lobos. Tirando cada un alto puiden ver que algo escuro se movía entre a vexetación. Enfoquei e resultou ser un xabaril (esp jabalí, nc Sus scrofa), seguido pouco despois por outros exemplares que remexían a terra na procura dalgún alimento. Foi nese intre cando un pouco máis abaixo os lobos comezaron a ouvear. Varios exemplares entoaban un canto melódico, tal vez o máis fermoso da natureza. Bo sinal porque os meus "amigos" seguían alí.

Un rato despois de esguello vin que algo se moveu ás miñas costas. Mirei, e era o pequeno raposiño que debía ir de retirada cara ao seu encame diúrno. Co meu movemento, decatouse da miña presenza cando case pasaba de largo, detívose, recuou e tirou cara mín. E alí se sentou, a tres metros de onde me atopaba o meu exótico compañeiro de espera esa mañá.

viernes, 22 de abril de 2011

Regreso a casa


Despois duns meses volvín ó Suído que me recibiu fresco e florido. Achegámonos á zona da serra mellor conservada lonxe dos parques eólicos, onde a pegada do home non é tan evidente, e onde aínda se pode gozar da paz antiga da serra.


No primeiro tramo atopei na pista marcas de maquinaria pesada que estivo limpando o mato, e tamén o rastro dunha moto que escarvando subira cara ó Suído. Respirei tranquilo cando comprobei que fora unicamente na primeira parte da pista, e que non seguiran cara á zona alta.

Xa arriba estivemos buscando os rastros que nos interesaban e cando xa demos o choio por feito, fomos cara a unha zona húmida onde sempre atopamos algo de interese. Ó chegar fomos directamente a ver ás orballiñas (esp Drosera, nc Drosera Rotundifolia) porque non nos cansamos de observar a beleza destas pequenas plantas carnívoras. Preto atopamos algúns anfibios como a rá patilonga (esp Rana patilarga, nc Rana ibérica) e rá verde (esp Rana verde, nc Rana perezi) , un macho das silveiras (esp Lagarto verdinegro, nc Lacerta schreiber) quentando o corpo, e unha incesante danza de bolboretas como chuchaleites (esp Chupaleches, nc Iphiclides podalirius). Sentámonos a gozar do espectáculo e cara ao mediodía volvemos para casa contentos coma nenos e como se fose a primeira vez.

martes, 8 de marzo de 2011

Artigo sobre a Serra do Suído

Deixo o enlace ao artigo que redactei sobre o Suído e que foi publicado na revista Tempos Novos no número de Febreiro. O meu texto está resaltado con fondo amarelo e as miñas fotos cun recadro vermello. Espero que sexa do voso interese.

Link: Artigo sobre o Suído revista Tempos Novos


domingo, 13 de febrero de 2011

Irmán Lobo



Poucos animais espertan tantas paixóns coma o lobo. Sentimentos normalmente extremos. Todo o mundo ten unha opinión sobre o lobo, e é capaz de "falar" sobre o seu comportamento e opinar con "todo grao" de detalle acerca de calquera aspecto relacionado con este animal. Todo isto, na meirande parte dos casos dende o descoñecemento máis absoluto.

De case veneración por parte de quen ve a necesidade de preservalo porque representa esa parte da natureza salvaxe que temos que protexer a toda costa, e por outra banda esperta os peores sentimentos dos que ven ó lobo como un ser capaz de traer desgrazas ó home, mesmo coma se dunha maldición se tratase .

Hai moitos mitos arredor do lobo. Historias fantásticas, contos, fábulas que pouco teñen que ver co animal biolóxico, pero que se manteñen froito da tradición popular. Crenzas que converten ó lobo nun animal case diabólico capaz de cometer os delitos máis terribles. Perigoso para o home, sanguinario, mata por matar, non ten ningún valor para a sociedade nin para o medio no que vive, é quen de paralizarte ou maldicirte coa súa ollada.

Pero isto non deixa de ser só iso, tradición popular rancia e afastada da realidade. Formúlase polo tanto a necesidade de achegar á xente o lobo real, o lobo que sobrevive nos nosos montes, e afastar a percepción equivocada que temos a través da súa dimensión fantástica que o converte no gran inimigo.

Cando afirmo isto, moitas veces vexo caras de incredulidade, ou mesmo obteño respostas que tentan desacreditarme. Chámame a atención que as palabras que condenan a este animal, nunca teñen datos concretos que poidan apoiar tales pensamentos. Parece que é culpable porque sí porque o manda a tradición. ¿ Que pensarías se nun xuízo condenasen a alguén sen probas só pola súa fama?

¿ Por que afirmo que o lobo non é perigoso para o home?

Por dúas razóns. Polas estatísticas, e pola miña experiencia con eles.

En España hai unha poboación importante de lobos. Viven entre nós nun medio altamente humanizado chegando a criar mesmo preto das vilas. A súa actividade desenvólvese nun medio compartido con moitas persoas cada día. Para afirmar que é un animal perigoso para o home, teriamos que basearnos en feitos con datos obxectivos de ataques a persoas. ¿ Cantos ataques houbo nos últimos vinte anos?. Ningún. Polo tanto, ¿ non parece lóxico pensar que no noso tempo o lobo non representa unha ameaza para nós?.

Levo anos observando ós lobos, e téñome atopado con eles no monte en moitas ocasións. Xamais vin un mal xesto cara a min. Para complementar a estatística e ofrecer unha visión máis próxima, vou contar dous dos moitos encontros que tiven co lobo, e nos que poderedes ver que como moito amosa curiosidade cando ten preto a unha persoa, aínda que o normal é que fuxa.

Nun deste encontros, a miña moza e eu tropezamos a pouca distancia co grupo completo do Suído sur. Catro lobos que primeiro quedaron tan sorprendidos coma nós, e despois marcharon de vagar por un carreiro, parando cada pouco para botarnos unha ollada. Foi algo emocionante, coma un soño. O macho reprodutor marcaba o paso, seguido polo resto do grupo e todo isto sen prismáticos, a uns poucos metros. Cando chegaron a un alto, dende o cumio, dous lobos seguiron atentos aos nosos pasos ata que nos perderon de vista, e nós a eles. Ese foi todo o mal que nos fixeron, darnos a oportunidade de contemplar un espectáculo único que nunca esqueceremos.

Outro encontro co lobo aconteceu despois dunha espera. Estaba nun punto alto no medio dunhas rochas cos prismáticos apuntando para un dos seus pasos habituais. Cando xa apenas había luz e sen éxito, xa que non puidera velos, decidín recoller o equipo. Cando me din a volta, apenas a doce metros nunha pista había un lobo quedo, tranquilo e ollando de fronte cara a min. Quedei parado pola sorpresa, e para non asustalo. E así permaneceu diante miña algo máis dun minuto. Despois vin como o irmán lobo marchaba camiño abaixo, e como daba a volta con cada son da miña réflex ata que o perdín na escuridade.

Polo tanto, ¿ non pensades que podemos darlle unha oportunidade ó lobo?.

domingo, 2 de enero de 2011

S.O.S. Suído

O espazo natural do Suído está seriamente ameazado. A pesar das agresións que xa sufriu, mantén un enorme valor patrimonial e unha rica biodiversidade. No mes de Xuño, presentamos alegacións contra o proxecto de instalación dun novo parque eólico na zona do Coto de Bidueiros, que moitos de vós coñecedes. O pasado 17 de Decembro sometéronse a exposición pública os proxectos de investigación mineira para realizar catas por toda a serra, para cuantificar a cantidade e calidade de diversos minerais como Tungsteno, Tántalo, Niobio, Litio e Estaño. Estas catas son a fase previa á explotación mineira a ceo aberto. Hai 30 días dende a publicación no DOG (17/12/2010) para presentar alegacións para tentar parar o proxecto. Presentarei o meu documento esta semana, e calquera de vós pode facer o mesmo a título persoal ou en representación dun colectivo, para conservar esta serra tal e como a coñecemos hoxe.

Non consta que se fixese ningún estudo de impacto medioambiental previo para avaliar os estragos que se producirían coas perforacións, co paso de maquinaria pesada e a apertura de pistas por toda a serra. Sen esta análise previa ós traballos mineiros, non se poderá esixir á empresa nin á administración a restauración total das zonas danadas aínda que moitos dos danos serían irreparables.

Animádevos a presentar alegacións xa que é unha das poucas ferramentas coas que contamos para defender o noso patrimonio e a nosa terra.

Consultar o DOG dos proxectos mineiros Carlota e Macarena
Consultar o DOG dos proxectos mineiros Carlota e Macarena

Modelo de alegacións para proxectos mineiros no Suído "Carlota" e "Macarena"
Modelo de alegacións proxectos Carlota e Macarena

¿ Cómo presentar as alegacións?
É moi sinxelo. Poden presentarse directamente en calquera concello se teñen Portelo único, ou en calquera Rexistro da Xunta ( como o do Naútico en Vigo) que é a opción máis sinxela. Tamén poden enviarse por correo certificado, neste caso dirixidas á delegación correspondente da Consellería de Industria ( a dirección está no meu documento de alegacións ou na publicación do DOG do 17 de Dec), sempre con acuse de recibo e facendo que en correos che selen unha copia antes de enviala. Para isto tes que levar o sobre aberto e unha copia, amosarlla ó funcionario e que cha sele no intre antes de pechar o sobre.

viernes, 3 de septiembre de 2010

Rapaces e treboada no Suído


Este Mércores pasado a pesares da treboada que caeu no Suído, a tarde estivo bastante animada. Nas zonas altas da serra atopamos numerosas rapaces na procura de alimento. Teño que recoñecer que cada día sinto máis curiosidade por estas magníficas aves que transmiten forza e liberdade.

O Miñato común (esp; Busardo ratonero, lat; Buteo buteo)



Tartaraña cincenta (esp; Aguilucho cenizo, lat; Circus pygargus) soportando estoicamente a chuvia e o pedrazo.



Uns días antes un exemplar melánico. Para a súa identificación contei coa axuda de Óscar M. Roza.

Lagarteiro peneireiro (esp; Cernícalo vulgar, lat; Falco tinnunculus)

jueves, 26 de agosto de 2010

Miñato real no Suído


Semella que o Miñato real (esp; Milano real, lat; Milvus milvus) sucumbiu ó encanto do Suído. Por segundo ano consecutivo déixase ver na zona sur no mes de agosto. Se cadra polas escasas oportunidades que teño de velo e pola súa beleza, cada encontro tornouse en ledicia. É certo que nalgún intre foi preocupación. Cando observas unha ave arrimarse e xirar cerca das aspas dos aeroxeradores, a ledicia da paso á angustia.

Especie estival e pouco común en Galicia. Aínda que de aspecto semellante ó Miñato Negro ( esp: Milano negro, lat; Milvus migrans), distínguese facilmente pola cor prateada da súa cabeza, os tons máis claros e a súa cola máis gallada. En voo, como se pode apreciar na imaxe de cabeceira, mostra a parte media das ás de cor branca rematando estas en puntas negras. Semella ser un exemplar inmaturo porque ten a cabeza algo escura, e a cola menos gallada.

Os Milvus milvus que aniñan máis ó norte de Europa,desprázanse ó sur para invernar, chegando algúns ó norte de África.

Agardemos que se manteña a tendencia, e o vindeiro verán gocemos novamente do seu planar no Suído.


viernes, 6 de agosto de 2010

jueves, 1 de julio de 2010

Presentado o recurso contra o parque eólico do Suído


O pasado 17 de Xuño presentamos un recurso de alzada para tentar parar o proxecto de instalación do novo parque eólico na Serra do Suído denominado "Bidueiros fase II", promovido pola empresa EUROVENTO S.L. e permitido pola Xunta de Galicia.

A Xunta dá o visto bo para que unha zona de alto valor ecolóxico candidata para a súa inclusión na Rede Natura 2000, sexa estragada por un novo parque eólico. A serra alberga multitude de especies protexidas a nivel autonómico que figuran no Catálogo Galego de Especies en perigo de Extinción, e que son consideradas de Interese Comunitario segundo a Directiva 92/43/CEE relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, e a DIRECTIVA 2009/147/CE relativa ás aves silvestres. A medida que avanzan indiscriminadamente os parques eólicos, os nosos montes e a nosa fauna van desaparecendo, e parte de nós con eles. O vindeiro paso será presentar unha reclamación perante a UE.

domingo, 6 de junio de 2010

Galicia Non é Verde


Unha vez máis, o afán de lucro impulsa a ampliación dos parques eólicos na serra do Suído. O pasado 25 de maio, publicouse no DOG a instalación de novos parques eólicos e ampliación dos xa existentes na nosa Comunidade.

Novamente o interese privado prevalece sobre o interese público. A empresa Eurovento pretende ampliar o parque eólico na serra do Suído (pendente de incluírse na Rede Natura) para rematar de estraga-lo valioso patrimonio que alberga. Resulta sorprendente que este mesmo proxecto que fora presentado con anterioridade (2007) e desbotado pola Xunta por motivos de conservación ambiental, tres anos despois é aprobado. O alto valor natural da serra que hai uns anos era recoñecido e valorado, agora desbótase.

A nova infraestrutura desprazaría un grupo reprodutor tradicional de lobo ibérico ocupando o núcleo do seu territorio. Se a isto lle sumámo-la intención de instalar preto unha canteira, a perda de hábitat e as perturbacións derivadas do tránsito de persoas ocasionarían demasiada presión para uns animais que xa hoxe sobreviven nunhas condicións extraordinariamente difíciles.

Témo-la obriga de protexe-lo noso, a terra da que formamos parte. Calquera axuda para tentar para-lo proxecto é benvida.

miércoles, 2 de junio de 2010

Orballiñas: as plantas carnívoras do Suído

Cando chego ó Suído a tranquilidade, o recendo antigo e natural doutro tempo, convídanme a adentrarme na súa intimidade deixando as miñas pegadas nos camiños gastados. A variedade e riqueza natural que atesoura a serra máis aló de lobos, rapaces, turbeiras, fragas, chozos, ríos e foxos, é sorprendente. Nas zonas máis encharcadas atopámo-la Orballiña (Drosera Rotundifolia). Estas fermosas plantas carnívoras aliméntanse de insectos ós que atraen pola cor vermella das súas follas. Ó pousarse nelas quedan atrapados nos pegañentos tentáculos e son dixeridos por encimas que disolven os seus corpos. Esta planta pequena e loitadora que habita en terreos moi pobres en nutrientes e ácidos, adaptouse ó medio para sobrevivir a base de insectos da mesma maneira que moitos animais insectívoros.

A pesar das agresións dos parques eólicos, pistas e estradas, a serra aloumiña a tódolos que nos achegamos a visitala. Témo-la obriga de preservar este xoia da dorsal galega.