DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA
Mostrando entradas con la etiqueta Medioambiente. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Medioambiente. Mostrar todas las entradas

sábado, 17 de enero de 2015

Controis encubertos, batidas e estudos de radiomarcaxe

  

Hai uns meses en plena época de cría do lobo e no punto exacto onde estaban os lobos, apuraba o paso para chegar ao alto antes de que comezara a anoitecer, moi emocionado como me ocorre sempre que saio ao monte. Unha desas tardes de verán, tranquila, sen vento. Cando estaba a piques de chegar ao punto máis alto do monte por un paso de gando entre toxos de máis dun metro e medio de altura, moi “camuflado” ía, cando dous disparos racharon a paz do monte.

Preocupación dobre, a miña seguridade, fixen todo o que puiden para que se notase que estaba alí, e polos lobos. Os disparos viñan da parte alta da rega dos lobos, da súa casa. Xa o vivín outras veces pero non por iso sentín menos impotencia cá primeira.

Pero esta vez era diferente, todo era máis truculento e pola miña cabeza comezaron a pasar tanto a administración como os gardas, porque neste grupo había un exemplar equipado con colar de radiomarcaxe. ¿Como é posible que cos cartos de todos se paguen “investigacións” que din que van permitir coñecer mellor a especie e a conservala é que despois contribúen a danar as poboacións de lobos?

Isto xa o escoitara moitas veces, só que está vez tocoume vivilo de primeira man. A crueza e a traxedia chegaban aos lobos da man da Xunta, que no mellor dos casos volveu a amosar o descontrol e falta total de coordinación interna, e no peor dos casos a información obtida co estudo de radiomarcaxe que pagamos todos podería ter derivado na celebración da batida no fogar dos lobos.

A consecuencia foi que un grupo reprodutor estable desapareceu sen deixar pistas.

É posible que nunca cheguemos a saber o que aconteceu, pero a pesar de todo temos que ser optimistas porque o lobo volverá, o lobo é forte e saberá sobrepoñerse as trabas que pomos no seu camiño. Unicamente agardo que cada vez sexan menos as súas dificultades, e máis os amigos do lobo que o queremos vivo percorrendo coutos e camiños, deixando as súas pegadas nos nosos montes. O lobo, sempre atento, intelixente, protector, vixiando o seu territorio con ese fermoso ollar, que ben pode ser coma mirar aos ollos á natureza pura.

Ao inicio da entrada tedes unha imaxe da fermosa loba.

domingo, 2 de enero de 2011

S.O.S. Suído

O espazo natural do Suído está seriamente ameazado. A pesar das agresións que xa sufriu, mantén un enorme valor patrimonial e unha rica biodiversidade. No mes de Xuño, presentamos alegacións contra o proxecto de instalación dun novo parque eólico na zona do Coto de Bidueiros, que moitos de vós coñecedes. O pasado 17 de Decembro sometéronse a exposición pública os proxectos de investigación mineira para realizar catas por toda a serra, para cuantificar a cantidade e calidade de diversos minerais como Tungsteno, Tántalo, Niobio, Litio e Estaño. Estas catas son a fase previa á explotación mineira a ceo aberto. Hai 30 días dende a publicación no DOG (17/12/2010) para presentar alegacións para tentar parar o proxecto. Presentarei o meu documento esta semana, e calquera de vós pode facer o mesmo a título persoal ou en representación dun colectivo, para conservar esta serra tal e como a coñecemos hoxe.

Non consta que se fixese ningún estudo de impacto medioambiental previo para avaliar os estragos que se producirían coas perforacións, co paso de maquinaria pesada e a apertura de pistas por toda a serra. Sen esta análise previa ós traballos mineiros, non se poderá esixir á empresa nin á administración a restauración total das zonas danadas aínda que moitos dos danos serían irreparables.

Animádevos a presentar alegacións xa que é unha das poucas ferramentas coas que contamos para defender o noso patrimonio e a nosa terra.

Consultar o DOG dos proxectos mineiros Carlota e Macarena
Consultar o DOG dos proxectos mineiros Carlota e Macarena

Modelo de alegacións para proxectos mineiros no Suído "Carlota" e "Macarena"
Modelo de alegacións proxectos Carlota e Macarena

¿ Cómo presentar as alegacións?
É moi sinxelo. Poden presentarse directamente en calquera concello se teñen Portelo único, ou en calquera Rexistro da Xunta ( como o do Naútico en Vigo) que é a opción máis sinxela. Tamén poden enviarse por correo certificado, neste caso dirixidas á delegación correspondente da Consellería de Industria ( a dirección está no meu documento de alegacións ou na publicación do DOG do 17 de Dec), sempre con acuse de recibo e facendo que en correos che selen unha copia antes de enviala. Para isto tes que levar o sobre aberto e unha copia, amosarlla ó funcionario e que cha sele no intre antes de pechar o sobre.

jueves, 25 de noviembre de 2010

Caza á carta: modificación da Lei de Caza

A Xunta pretende facer a Lei de Caza á medida dos cazadores. Será o único colectivo que achegará directamente as súas pretensións ó bufete encargado de elaborar a redacción do texto. Un plan que non contenta a case ninguén, e que no caso dos cazadores, non fará máis que aumentar o rexeitamento do resto da sociedade cara a súa actividade.

O propio bufete adxudicatario declarou que a Xunta lles solicitou a súa colaboración para coñecer que é o que queren cambiar da lei os cazadores ( como se reflicte na nova publicada en " El País").

Este modelo ten un erro de base ó non implicar a tódalas partes interesadas na redacción da lei. Hai que ter en conta que non só afecta ó sector da caza, senón que abrangue a moitos máis colectivos non cazadores que desenvolven a súa actividade, profesional ou de lecer, nos nosos montes. A exclusión de asociacións conservacionistas, do sector agrícola e o gandeiro, e tamén dunha gran parte da sociedade que goza do medio natural en número moi superior ós cazadores (ornitólogos, sendeiristas, deportistas, naturistas ou quen queira dar un simple paseo polo campo) reflicte a pouca vontade da Xunta por resolver os problemas do modelo cinexético actual.

A mala xestión da administración converte unha actividade como a caza, nun problema:

Un calendario confuso que estende a actividade na meirande parte dos meses do ano. A maiores a caza ten como días hábiles os xoves, sábados, domingos e festivos. Na práctica isto tradúcese en que unha persoa traballadora que ten as fins de semana e festivos como únicos días de lecer, non poida pisar o monte pola súa seguridade.

As zonas de caza non están sinalizadas nin delimitadas (nin no espazo nin no tempo) de xeito que calquera pode rematar no medio dunha batida co risco que supón.

O desenvolvemento da caza afecta ás poboacións de moitas especies protexidas, non protexidas, cazables e non cazables, e pode alterar negativamente o seu ciclo reprodutor, diminuíndo o seu éxito reprodutivo.

Non existe control sobre a actividade dos cazadores para garantir o cumprimento da normativa, como por exemplo respectar as distancias mínimas de seguridade, non cazar con pouca visibilidade,....

Se vos preocupa que a nova lei non teña en conta de novo ós non cazadores, podedes achegar as vosas impresións e propostas de mellora directamente a Medio Rural, ou a min (pope55@hotmail.com) para que as inclúa nun documento conxunto.


Enlace á nova de "El País"
http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Medio/Rural/adjudica/dedo/redaccion/ley/caza/elpepuespgal/20101123elpgal_9/Tes

miércoles, 31 de marzo de 2010

Un desastre que se aveciña: o novo Plan Eólico en Galicia


No DOGA de hoxe podemos atopa-la orde do novo plan eólico de Galicia que ten como obxectivo acadar no 2012 unha potencia de 6500MW. Unha praga que ameaza con continuar estragando os nosos montes, a nosa fauna e o noso patrimonio.

Deixo enlaces ó documento do DOGA co detalle, e ó plano do INEGA co mapa do proxecto e as zonas de reserva.

Orde do DOGA

Plano do INEGA

miércoles, 24 de febrero de 2010

Protocolo ante Delitos contra o Medioambiente

Elaborei un documento que describe as pautas básicas que debemos seguir cando nos atopemos ante evidencias ou indicios dun delito contra o medioambiente. Centreime nun modelo orientado cara á fauna, e especialmente para o lobo, pero é aplicable a calquera situación. Basicamente consiste en avisa-lo Seprona (062), ou notificala a través do 112, e recoller tódolos datos de interese posibles.

Enlace ó arquivo:
Protocolo ante Delitos Contra o Medioambiente