DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

domingo, 16 de diciembre de 2012

Entrevista en Galicia Confidencial sobre a situación do lobo


Déixovos o enlace á entrevista que me fixeron en Galicia Confidencial sobre a situación actual do lobo, e particularmente pola denuncia que presentamos na Comisión Europea pola xestión da Xunta no Barbanza.

Sempre é importante aproveitar a oportunidade que nos dan os medios de comunicación para chegar a máis xente, e que se coñeza como a día de hoxe en Galicia se seguen matando lobos para favorecer a uns poucos que amosan unha total falla de respecto pola natureza e polos que nos sentimos moi parte dela. Agardo que a entrevista sirva para espertar algunhas emocións positivas por un animal tan inxustamente maltratado, e que paga a pena conservar xa que forma parte da nosa propia identidade.

Non podería imaxinar percorrer o monte sen atopar os rastros do lobo ou sen escoitar o seu ouveo, porque sentiría que non estou na miña casa.  

Ler a entrevista completa AQUÍ


jueves, 15 de noviembre de 2012

Lobos: unha familia unida


Déixovos unha gravación que fixen dunha familia de lobos recentemente, e agardo que poidades gozar tanto coma semella que o fixeron eles.
 
Os xogos ademais da finalidade lúdica, serven tamén para consolidar a estrutura do grupo estreitando os lazos sociais dos seus membros. Son, sen dúbida, momentos fermosos e entrañables que afastan a imaxe dese lobo malo que nos queren facer crer, e amosan que detrás de todas as fábulas hai un fermoso animal social que vive en familia, que xoga e que en moitos aspectos se asemella a nós.

Coñece ao amigo lobo porque ese é o primeiro paso para respectalo



                                                  http://www.youtube.com/watch?v=bowr2IWF0hw



domingo, 23 de septiembre de 2012

A miña paixón polo lobo


 


Lonxe das presas da vida cotiá agóchase outro mundo fantástico no que o tempo semella camiñar máis de vagar. Un mundo sen ruídos e cheo de vida. A esencia doutra época. Os recunchos que sosteñen aínda ao lobo ibérico e a outras moitas especies que viven a marxe do bulicio das cidades.

Co paso do tempo manteño intacta a ilusión e paixón, e son quen de vivir de forma intensa cada momento que paso no noso medio natural lonxe das cidades e pobos. Tiven dous bos mestres. Félix Rodríguez de la Fuente, e posteriormente o lobo. Ao primeiro escoitábao enfeitizado cando era un neno dende a miña casa familiar en Vigo. Lembro como aqueles inesquecibles capítulos de "El Hombre y la Tierra" me abriron a fiestra á natureza, e como o ouveo do lobo espertaba en min moitas emocións. E o lobo é meu compañeiro de ruta dende hai anos. A súa naturalidade e frescura conseguen case que me esqueza de todo o demais mentres observo como se alimentan, como descansan ou como se quentan ao sol. Pero o que máis me gusta e observar como xogan. Algo que a maioría da xente non sabe (en realidade aínda que todo o mundo fala do lobo refírense a un mito que nada ten que ver co animal que deixa as súas pegadas no noso monte) é que os lobos teñen un amplo repertorio de xogos que contribúen a consolidar a estrutura do grupo. Tamén son especiais as observacións de todos os membros da familia xuntos desprazándose polo monte pola sensación de "forza" que transmiten.

Nunha ocasión dixen que compartía gusto "estético" cos lobos porque da súa man cheguei a coñecer os lugares máis fermosos de Galicia, Cantabria, Castela e León e o norte de Portugal ( se tedes ocasión non deixedes pasar a oportunidade de coñecer Castro Laboreiro e Pitões das Júnias en Portugal). E certo que hai grupos de lobos que non teñen outro remedio que vivir en medios humanizados como así levo constatado nos últimos anos, pero outros aínda sobreviven en zonas de montaña onde te podes perder e pasar xornadas de campo inesquecibles.

Para min esas xornadas de campo tan especiais consisten, do mesmo xeito que cando comecei, en escoitar un ouveo ao lonxe, a emoción de atopar as súas pegadas ou os seus excrementos, a carreira do corzo que me pon en alerta ante a posible presenza do lobo, percorrer o seu territorio ou atopar o dun grupo novo, pero a miña máxima satisfacción moito máis aló das observacións é constatar que o lobo segue aí e que foi quen de superar ás adversidades que se cruzan no seu camiño. É indubidable tamén que a sensación de atopar entre o mato orellas "picudas" é marabillosa. Cada ano cando observo aos cachorriños xogar baixo a
atenta vixilancia da loba, esperta en min toda a ilusión dun futuro mellor para o lobo ibérico.

Sempre hai que quedarse coa parte positiva das cousas pero non quero deixar pasar a oportunidade para lembrar que é responsabilidade de todos contribuír a que se conserven tanto o noso lobo como o noso patrimonio natural. 

A miña contribución esta vez é compartir con vós un instante da intimidade da vida dos lobos ibéricos para tratar de contaxiarvos algo da paixón que sinto por eles e poidades axudarme no camiño da súa conservación. Déixovos unha captura de vídeo de dous "cachorróns" xogando, gravado a case dous Km do seu encame. A calidade da captura de vídeo non é boa pero suficiente para imaxinar a marabillosa escena.

sábado, 21 de julio de 2012

Lobos en Galicia 2012: Selección do lugar de cría


Cando pensamos no lobo habitualmente imaxinamos a un animal salvaxe que se refuxia nos lugares máis recónditos na nosa xeografía, pero debemos ter en conta que en Galicia non existen grandes espazos sen ocupar polo home. Sen embargo o lobo está presente neste entorno humanizado establecendo o seu centro de cría nas zonas de actividade humana.

O estudo durante 5 anos de 3 grupos familiares, permitiunos comprobar como se repite o patrón que reúne 3 características básicas: cobertura vexetal, auga e certo grao de tranquilidade para que o lobo estableza o seu lugar de cría. A miúdo pensamos en grupos de lobos criando aos seus cachorros nas zonas máis remotas lonxe da actividade humana, pero o seguimento de grupos de lobos levounos nunha viaxe fascinante a comprobar como debido a un progresivo proceso de adaptación do lobo e a un "carto factor clave", empregan lugares próximos a actividade humana como centros de cría.

Unha primeira interpretación para o feito de que estes grupos reprodutores establecesen o seu centro de cría en zonas de actividade humana próxima, podería ser que non atoparan zonas con ausencia de actividade humana máis propicias. Sen embargo os tres grupos posuían sen dúbida espazos próximos de calidade na mesma serra. Temos que pensar noutro factor polo que seleccionaron outras zonas próximas a actividade humana. Este "carto" factor podería ser a dispoñibilidade de alimento nas inmediacións, característica que se repite nos 3 grupos que situaron os seus centros de cría próximos a lugares a onde as presas potenciais nesta época do ano atópanse regularmente. Isto tería aínda máis sentido se entendemos que durante os primeiros meses de vida dos cachorros o macho reprodutor especialízase e exerce un papel clave como transportista de alimento para a loba e os seus descendentes, e polo tanto entenderíamos que a distancia ata as presas potenciais gañaría peso fronte a outras variables.

A identificación da proximidade de alimento como variable clave resultou fundamentas para entender porque os lobos estableceron o seu centro de cría nas zonas próximas a actividade humana. Ademáis o progresivo proceso de adaptación/aceptación do lobo á presenza do home (tolerancia) non lle impide desenvolver a intensa actividade propia da época de cría.

viernes, 8 de junio de 2012

Lobo ibérico seguimento grupo II: Vídeo en Galicia patróns de marcaxe territorial na época de celo


Vídeo gravado en Galicia a case 2 kms de distancia durante a época de celo no que podemos observar unha intensa marcaxe territorial por parte da parella reprodutora e outro exemplar do grupo.

 http://youtu.be/-L2VDeqEeWU



lunes, 30 de abril de 2012

Lobo ibérico seguimento grupo IV: lobos, coellos e corvos



Agochado entre toxos e cuberto por xestas agardaba coas primeiras luces do día e con algo de impaciencia o momento de ver ao lobo. Atopábame nun lugar novo, apenas coñecido. As sombras e o canto do cuco dábanlle un encanto misterioso.

Escudriñaba o terreo entretido co ir e vir dos corvos. Pero o agasallo chegou cando de súpeto a través dos prismáticos apareceu unha figura que me era moi familiar. Aí estaba, a loba chegou avanzando con tranquilidade, con harmonía, cun xeito de camiñar inconfundible. Se tivera que describir o que experimentei nese instante cunha soa palabra sería "emoción".



A miña preocupación era permanecer inmóbil para pasar desapercibido e non asustala. Continuou facendo breves paradas de cando en cando buscando algo. De súpeto coas orellas ergueitas detívose definitivamente deixando ver un pescozo enorme, potente. Aínda que miraba nunha dirección distinta a onde eu me atopaba, non me movín, o último que quería era asustala. Estaba marabillado, quería seguir observándoa, quería que ese momento non rematara. Estaba ante o lobo ibérico, quería aproveitar cada segundo que pasaba como espectador de excepción.


Permaneceu inmóbil case dez minutos tras uns toxos, mirando, vixiando unha chaira. De súpeto botou a correr. No primeiro momento non souben o motivo ata que acertei a entender que o destino daquela explosiva carreira era un coello que fuxía con toda a velocidade que as súas potentes patas lle daban. Unha loita de poder a poder. Un loitaba por comer para vivir, e outro loitaba por fuxir para vivir. Foi finalmente o pequeno coello, axudado cun chisco de vantaxe inicial, quen de refuxiarse nun burato. Pero a loba non se deu por vencida tan sinxelamente. Meteu a cabeza, rascou coas patas e olfacteou movendo a cola na procura do premio. Deu un rodeo e volta a empezar. Non puiden observar claramente o desenlace. En cuestión dun par de minutos a chuvia primeiro, a sarabia despois e por último a neve comezaron a caer con tanta forza que tiven que cubrirme co abrigo. No derradeira ollada vin como a loba marchaba baixo a neve como chegou, solitaria e fermosa mentres dous experimentados corvos seguían os seus pasos agardando que lles deixase un agasallo en forma de alimento.


Unha vez máis o lobo amosoume que nada ten que ver co que me tiñan contado del. A esencia dunha especie excepcional que afortunadamente sobrevive nos nosos montes, e que máis alá de inxustos prexuízos continua exercendo o papel que a natureza lle outorgou fai miles de anos contribuíndo á boa saúde dos nosos ecosistemas.
 

viernes, 16 de marzo de 2012

Nota de prensa de ACOPO sobre a hibridación no Barbanza



Dende ACOPO (Asociación Coordinadora Protectoras Pontevedra) ante o anuncio da Xunta de continuar con accións correctivas para facer fronte ao problema local de hibridación confirmado na Serra do Barbanza, vimos de reclamar:

  1. Que as medidas de control sexan levadas por profesionais da administración, e non por persoas non cualificadas (cazadores) que no seu afán de cazar e pola falla de coñecemento poden chegar a abater a exemplares de lobo puros, xusto o contrario do que se pretende que é garantir a viabilidade a longo prazo desta poboación.
  2. Está previsto que estas accións se leven a cabo entre os meses de marzo e agosto, cando os estudos científicos desaconsellan a realización de batidas, na época máis sensible para as especies, xa que os trastornos que producen poden levar á perda de camadas. Tamén pode afectar ao éxito reprodutivo do lobo, co que novamente iría en contra do obxectivo inicial anunciado pola Xunta.
  3. Capturas e eliminación. Si consideramos necesaria a extracción do contorno dos exemplares híbridos para garantir a viabilidade a longo prazo da poboación de lobos, pero non podemos estar de acordo en que a solución sexa darlles morte cando hai alternativas para respectar a vidas destes animais, como sería a captura por trampeo e o traslado posterior a un centro de recuperación. Con isto conseguiríase o obxectivo inicial de preservar a poboación de lobos, e respectaríase a vida dos exemplares híbridos.

Pincha no documento para ler a nota de prensa de ACOPO completa

martes, 14 de febrero de 2012

Nota de Prensa: Imos Conservar ao lobo

Dende ACOPO enviamos unha nota de prensa sobre a situación do lobo ibérico en Galicia e as trabas que se poñen á súa conservación

Ler nota de prensa

viernes, 20 de enero de 2012

O que se bota de menos


Pasaba o tempo, botaba algo de menos pero non sabía exactamente qué era.

A pesar da previsión de choiva o pasado domingo decidimos subir ao monte, en principio só para dar unha volta. Unha vez alí xa fomos entrando en calor cando atopamos algún rastro do lobo. Pero o ánimo axiña se prendeu e deu paso a unha busca concienciuda nos puntos clave "explorando" a zona. Atopamos un lugar rico en rastros, e decidimos que era o lugar da espera.

A temperatura e a auganeve, deron paso cara ao mediodía a unha boa nevada. En media hora todo era de cor branca. O coche estaba cuberto por máis de dez centímetros de espesor de neve. Nun intre, sen darnos conta porque estabamos centrados observando o terreo, todo se volveu máxico. O manto branco e o silencio brindounos unha paisaxe espectacular. E cos sentidos espertos, coma se o tempo se parase, deixando apartados outros pensamentos, gozamos daquel emocionante momento.

E así vimos un movemento non moi lonxe.

Prismáticos, e localizamos un fermoso raposo na procura de alimento remexendo a neve. Incansable durante máis de media hora deu voltas pola chan, e nós observamos ao raposiño fráxil e fermoso loitando por saír adiante. Nese mesmo intre, non puiden evitar pensar que en Galicia se celebran campionatos para matar raposos nos que gaña quen máis animais mata. E co paso dos anos e contemplando ao raposiño indefenso, sigo sen comprendelo.

Pouco a pouco a luz do día ía minguando.

Comezaba a pensar que ese día non tería sorte. Pero a sorte, a casualidade, a experiencia, ou un pouco de todas, déronme a recompensa polas horas de espera. Chegaron como nunca os vira. Xa antes os tiña mirado xogar, incluso con outros animais, pero o magnífico alarde de potencia correndo, derrapando e saltando na neve foi marabilloso. Lonxe da incomprensible imaxe que se ten deste animal, e coma min, por un tempo apartando cuestións máis transcendentais e deixando saír esa parte lúdica que semella que a neve esperta en nós, tamén os lobos se entregaron a unha morea de xogos.

Pero non podería rematar este relato así sen ser inxusto. Teño que agradecerlle a unha persoa moi sabia que me acompañaba, primeiro por atopar o lugar idóneo para a espera como se demostrou máis tarde. Despois porque en plena observación sen pensalo saquei a réflex, e ela me dixo "disfruta". Tan simple. Tan certo. Esa vez era para min. Captando a esencia de liberdade sen preocuparme de buscar enfoques e arriscarme a que me detectasen e marchasen. Tamén por acompañarme, como tantas outras veces, a unha zona de lobo sabendo a hora de partida pero non a de chegada. Así que desta vez o mérito é de Bego.


viernes, 6 de enero de 2012

ACOPO presenta alegacións contra o proxecto mineiro de Gargamala nas inmediacións do Suído

Dende a Asociación Coordinadora Protectoras Pontevedra (ACOPO) presentamos alegacións contra o proxecto mineiro de Gargamala, parroquia de Mondariz. Esta zona do Coto de Eira atópase nas inmediacións da Serra do Suído que foi recentemente proposta pola propia Xunta de Galiza para ser incluída na Rede Natura 2000. Polo tanto resulta contraditorio que por un lado se propoña incluír unha zona como zona protexida polo seu alto valor ecolóxico, e que se pretenda aprobar un proxecto mineiro nas súas inmediacións que ocasionaría danos irreparables na flora e na fauna, e no noso patrimonio como podería ser a afectación que suporía para o foxo do lobo xa que a explotación chegaría mesmo a un dos seus muros.

Máis información na web de ACOPO
http://acopo.weebly.com/