DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

viernes, 28 de octubre de 2011

Denunciamos verteduras continuadas que arruínan As Gándaras de Budiño


Dende a Coordinadora Protectoras Pontevedra denunciamos ante o SEPRONA e a Xunta de Galicia unha vertedura continuado no río Louro, que xa se filtrou ata o corazón das Gándaras de Budiño.

Cando debemos esperar da nosa administración sentido común e coherencia na súa xestión, atopámonos que un dos lugares máis singulares e valiosos da provincia de Pontevedra está sendo l
iteralmente inundado de residuos de forma continuada, degradando gravemente e de forma irreparable a rica fauna e flora que aínda se mantén nas Gándaras de Budiño. A propia contorna resulta desalentadora. Lixo, un centro de interpretación en ruínas e a zona dos observatorios presa dun abandono evidente. Probablemente un espazo prioritario para a UE incluído na Rede Natura 2000 e zona LIC, para cuxa conservación recibimos xenerosas subvencións, mereza moita máis atención. No entanto semella que todas estas características que lle outorgan un estatus distinguido pola súa riqueza natural, na práctica non lle serve para moito máis que para ter un cartel que anuncia a súa condición de espazo pertencente á "Rede Galega de Espazos Protexidos".



O máis grave é que o abandono e o lixo fanse pequenos problemas cando os comparamos coa enorme presión que o polígono industrial exerce sobre esta contorna. Unha das súas maiores ameazas, tal e como temos advertido dende a Coordinadora Protectoras Pontevedra, é a vertedura constante ao río Louro de residuos que se filtran gradualmente ao interior da braña das Gándaras. A maior parte destas verteduras contaminantes proceden das empresas situadas no polígono industrial, xa que máis da metade verten os seus residuos directamente no río. Só o 40% destas empresas están conectadas á rede de sumidoiros que remata na depuradora de Tui. Por este motivo solicitamos á Xunta que apure os prazos para que todas as empresas do polígono se conecten á rede de sumidoiros. Aínda estamos a tempo de parar esta ameaza, pero precisamos que a administración actúe e se posicione a favor da conservación dos nosos espazos naturais máis valiosos.


Podedes premer nas imaxes para amplialas.







domingo, 16 de octubre de 2011

Solicitamos á Xunta prevención antes que batidas ao lobo


Dende a Coordinadora Protectoras Pontevedra enviamos unha petición á Xunta solicitando que impulse unha campaña para a protección do gando, facendo chegar aos propietarios das explotacións cales son os métodos preventivos recomendados para cada tipo de gando e o réxime no que se atope, como única solución duradeira para reducir os danos producidos polo lobo. Actualmente a Xunta xa subvenciona a adquisición de elementos para protexer ao gando, pero a realidade é que moitos gandeiros descoñécenos e consideran os trámites administrativos para acceder a estas axudas demasiado complexos, o que finalmente fai que opten por non pedilas. Por este motivo, é preciso que se fomente a protección do gando, e que toda a información sobre os diferentes métodos preventivos e o xeito de solicita-las axudas, chegue dun xeito claro e directo aos propietarios das explotacións. Pretendemos que se dea un paso máis alá das subvencións por danos e a autorización das batidas, e que se aposte por un modelo de xestión máis eficaz.

Por outro lado reiteramos a Medio Rural que non compartimos a súa decisión de autorizar o pasado mes de Xullo batidas ao lobo en Porto do Son, coa xustificación de eliminar exemplares híbridos, xa que ao coñecerse a súa existencia con anterioridade as medidas de control deberían terse aprobado antes da época de cría, ou ao finalizar esta. Ademais consideramos que estas tarefas de control deberían levarse a cabo sobre exemplares previamente identificados, e por persoal da administración especializado xa que ao delegar esta tarefa nun grupo de cazadores sen ter aos exemplares previamente identificados, a probabilidade de erro é moi alta.



Web da Coordinadora http://copropontevedra.weebly.com/