DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA
Mostrando entradas con la etiqueta Gándaras de Budiño. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Gándaras de Budiño. Mostrar todas las entradas

lunes, 26 de diciembre de 2011

Tartaraña das Xunqueiras nas Gándaras de Budiño


As Gándaras de Budiño nunca defraudan. Acades máis ou menos observacións, este rico recuncho agradable e "tranquilo" sempre te deixa coas ganas de volver. O máis destacable da nosa breve visita foi a observación continuada durante máis de media hora dunha femia de tartaraña das xunqueiras (esp aguilucho lagunero nc Circus aeruginosus). Un fermoso exemplar que planexaba incesantemente pola braña na procura de alimento ( aves acuáticas principalmente, réptiles, anfibios e pequenos mamíferos), deixándonos a cada pouco unha mostra da súa asombrosa habilidade de voo facendo elegantes xiros para trocar a outra dirección. Este exemplar das fotos de cores pardos escuros agás na zona da cabeza e do pescozo de cor amarelo pálido deixase ver na contorna.


De paso observamos como un corvo mariño real (esp cormorán grande, nc Phalocrocorax carbo) mergullábase e mergullábase na procura de peixes, ata que o conseguiu e apareceu na superficie cun gran reo entre o pico. Nós apostamos que, debido ao tamaño do reo, non podería tragalo. Cun elegante e rápido movemento do pescozo, o peixe acabou no estómago desta ave tan fermosa como perseguida.

Invítovos a todos a que visitedes As Gándaras de Budiño para gozar da súa riqueza e para que non caian no esquecemento.

Podedes premer nas imaxes para amplialas.

viernes, 28 de octubre de 2011

Denunciamos verteduras continuadas que arruínan As Gándaras de Budiño


Dende a Coordinadora Protectoras Pontevedra denunciamos ante o SEPRONA e a Xunta de Galicia unha vertedura continuado no río Louro, que xa se filtrou ata o corazón das Gándaras de Budiño.

Cando debemos esperar da nosa administración sentido común e coherencia na súa xestión, atopámonos que un dos lugares máis singulares e valiosos da provincia de Pontevedra está sendo l
iteralmente inundado de residuos de forma continuada, degradando gravemente e de forma irreparable a rica fauna e flora que aínda se mantén nas Gándaras de Budiño. A propia contorna resulta desalentadora. Lixo, un centro de interpretación en ruínas e a zona dos observatorios presa dun abandono evidente. Probablemente un espazo prioritario para a UE incluído na Rede Natura 2000 e zona LIC, para cuxa conservación recibimos xenerosas subvencións, mereza moita máis atención. No entanto semella que todas estas características que lle outorgan un estatus distinguido pola súa riqueza natural, na práctica non lle serve para moito máis que para ter un cartel que anuncia a súa condición de espazo pertencente á "Rede Galega de Espazos Protexidos".



O máis grave é que o abandono e o lixo fanse pequenos problemas cando os comparamos coa enorme presión que o polígono industrial exerce sobre esta contorna. Unha das súas maiores ameazas, tal e como temos advertido dende a Coordinadora Protectoras Pontevedra, é a vertedura constante ao río Louro de residuos que se filtran gradualmente ao interior da braña das Gándaras. A maior parte destas verteduras contaminantes proceden das empresas situadas no polígono industrial, xa que máis da metade verten os seus residuos directamente no río. Só o 40% destas empresas están conectadas á rede de sumidoiros que remata na depuradora de Tui. Por este motivo solicitamos á Xunta que apure os prazos para que todas as empresas do polígono se conecten á rede de sumidoiros. Aínda estamos a tempo de parar esta ameaza, pero precisamos que a administración actúe e se posicione a favor da conservación dos nosos espazos naturais máis valiosos.


Podedes premer nas imaxes para amplialas.







domingo, 12 de diciembre de 2010

As Gándaras de Budiño, un recuncho excepcional

As Gándaras de Budiño son un espazo de alto valor ecolóxico incluído na Rede Natura 2000. Ademais conta coas pegadas dos primeiros habitantes de Galicia, polo que son consideradas como un Ben de Interese Cultural.

Parte do seu recoñecemento vénlle dado porque alberga restos dos primeiros asentamentos humanos galegos do Paleolítico. Aquí atopaban auga abundante e materias primas. Centos de restos como picas, follas de coitelo, outros útiles de pedra, monumentos funerarios e castros na súa contorna, outórganlle un estatus único na nosa historia.

Pero o máis destacado das Gándaras de Budiño son a súa flora e fauna. Atopamos brazais, turbeiras, vexetación acuática, bosques de ribeira pero tamén unha rica variedade de fauna. 135 especies de aves e unha ampla representación de anfibios, réptiles e coleópteros. O sapoconcho común (esp tortuga europea, nc Emys orbicularis), lontra ( esp nutria, nc Lutra lutra), escornabois ( esp ciervo volante, nc Lucanus cervus) e aves como cerceta real (esp cerceta común, nc Anas crecca), falcón pequeno ( esp alcotán europeo, nc Falco subbuteo), picapeixe ( esp martín pescador, nc Alcedo atthis), garza real ( esp garza real, nc Ardea cinerea), garza imperial ( esp garza imperial, nc Ardea purpurea), lavanco real ( esp ánade azulón, nc Anas platyrhynchos) ou tartaraña das xunqueiras (esp aguilucho lagunero, nc Circus aeruginosus), e un longo etc.

A pesar de todo isto, a crecente presión industrial na zona, a construción prevista do enlace para o tramo do AVE dende Porriño a Portugal, verteduras e desterres, e o abandono irreparable por parte da administración desde espazo ecolóxico único, sitúanno nun futuro incerto. Compatibilizar o desenvolvemento económico co mantemento da nosa biodiversidade e do noso patrimonio, está na nosa man.