DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

viernes, 24 de diciembre de 2010

30 minutos en Liméns

No meu tempo de lecer adoito tirar cara as montañas, pero como as vacacións dan para moito, achegueime tamén ata a costa. Esta entrada vai dedicada á escasa media hora que me levou facer parte do paseo que vai dende a praia de Liméns ata Cangas. É posible que aparentemente non se poida comparar coa grandeza das nosas serras, pero a veces o sinxelo e inesperado, pode resultar do máis agradable.

Comezamos o paseo dende o complexo dunar da praia de Liméns, e seguimos o sendeiro que vai a carón do mar de augas cristalinas durante todo o percorrido. As vistas son espectaculares. Podemos gozar de toda a maxestosidade da ría de Vigo, incluídas as Illas Cíes. Tivemos a sorte de observar ós arroaces (esp delfín mular , nc Tursiops truncatus) moi preto de terra. O grupo de golfiños ía seguindo a estela dun barco pesqueiro probablemente na procura de alimento. Entre tanto, deleitáronnos con algunhas piruetas e emocionantes xogos. Lembráronme aqueles intres cando era un neno, nos que dende a fiestra da miña casa observaba aqueles misteriosos animais que representaban para mín os enigmas agochados no mar.

Tamén vimos aves como píllara riscada (esp vuelvepiedras Común, nc Arenaria interpres), corvos mariños cristados (esp cormorán moñudo, nc Phalacrocorax aristotelis), gaivota chorona (esp gaviota reidora, nc Larus ridibundus) entre outras, onde non podía faltar o chasco ( esp tarabilla común, nc Saxicola torquata).


Un paseo agradable, apto e recomendable para calquera.

sábado, 18 de diciembre de 2010

Axudas para a prevención de ataques de lobo en Galicia

A Xunta publicou no DOG do pasado 15 de decembro, as bases reguladoras que permitirán acceder ás medidas preventivas para evitar danos do lobo ó gando.

Link ó detalle no DOG
Axudas para a prevención de ataques de lobo

domingo, 12 de diciembre de 2010

As Gándaras de Budiño, un recuncho excepcional

As Gándaras de Budiño son un espazo de alto valor ecolóxico incluído na Rede Natura 2000. Ademais conta coas pegadas dos primeiros habitantes de Galicia, polo que son consideradas como un Ben de Interese Cultural.

Parte do seu recoñecemento vénlle dado porque alberga restos dos primeiros asentamentos humanos galegos do Paleolítico. Aquí atopaban auga abundante e materias primas. Centos de restos como picas, follas de coitelo, outros útiles de pedra, monumentos funerarios e castros na súa contorna, outórganlle un estatus único na nosa historia.

Pero o máis destacado das Gándaras de Budiño son a súa flora e fauna. Atopamos brazais, turbeiras, vexetación acuática, bosques de ribeira pero tamén unha rica variedade de fauna. 135 especies de aves e unha ampla representación de anfibios, réptiles e coleópteros. O sapoconcho común (esp tortuga europea, nc Emys orbicularis), lontra ( esp nutria, nc Lutra lutra), escornabois ( esp ciervo volante, nc Lucanus cervus) e aves como cerceta real (esp cerceta común, nc Anas crecca), falcón pequeno ( esp alcotán europeo, nc Falco subbuteo), picapeixe ( esp martín pescador, nc Alcedo atthis), garza real ( esp garza real, nc Ardea cinerea), garza imperial ( esp garza imperial, nc Ardea purpurea), lavanco real ( esp ánade azulón, nc Anas platyrhynchos) ou tartaraña das xunqueiras (esp aguilucho lagunero, nc Circus aeruginosus), e un longo etc.

A pesar de todo isto, a crecente presión industrial na zona, a construción prevista do enlace para o tramo do AVE dende Porriño a Portugal, verteduras e desterres, e o abandono irreparable por parte da administración desde espazo ecolóxico único, sitúanno nun futuro incerto. Compatibilizar o desenvolvemento económico co mantemento da nosa biodiversidade e do noso patrimonio, está na nosa man.

lunes, 6 de diciembre de 2010

Lobo e neve

O frío e a neve dos últimos días conforman unha paisaxe fermosa. A medida que avanzamos atopamos os rastros da actividade da noite anterior. Pegadas de corzos, xabarís, raposos, garduñas, coellos, lebres e pequenos mamíferos na procura de alimento. Agora, á luz do día todo semella calmo. Seguimos camiñando e gozando dos sons do monte.

Subimos por unha pendente de rochas e pedra cara un alto. Paga a pena o esforzo. Internámonos en paisaxes de soidade. Nos últimos días co frío e o xeo como aliados, a montaña permaneceu illada. Tan só silencio. Seguimos os pasos esquecidos dos celtas que tempo atrás poboaron esta terra, e imaxinamos como sería a súa vida, os seus costumes. O respecto pola natureza. Pedra e terra.

Durante o ascenso atopamos pegadas como dun can grande. Xesta rastrexa e lévanos ata uns excrementos recentes. O seu contido apunta alimentación silvestre. A poucos metros atopamos rabuños no medio do camiño e restos de ouriños. Alí lonxe dos homes puidemos imaxinar ó rei do monte peiteando o seu territorio. Atopámonos non moi lonxe da lobeira empregada ata hai poucos meses, e que abeirou ás crías nos primeiros meses de vida. Aínda que esta vez non o vimos, voltamos para a casa cheos porque sabemos que o lobo continua alí desafiando o futuro incerto que o asedia.


miércoles, 1 de diciembre de 2010

Estreo da película "Entre Lobos" no cine


O pasado 26 de Novembro estreouse a película " Entre lobos" que recrea a historia de Marcos, un neno que viviu só en Serra Morena ata os 19 anos coa única compaña de lobos e outros animais salvaxes.

Cando Marcos Rodriguez Pantoja tiña 7 anos, o seu pai vendeuno a un pastor de Serra Morena. Con el Marcos aprendeu o oficio de coidar ó gando. Pero Damián, o pastor, un día saíu de caza e nunca máis volveu. Nese intre comezou para aquel neno unha auténtica e fermosa aventura de supervivencia no medio natural que duraría anos. Durante este tempo tivo o privilexio de achegarse á intimidade da natureza e, como relata el mesmo, convivir cunha manda de lobos. Foi ós 19 anos, despois de que un garda dunha finca próxima o vise, cando a garda civil atopou a este neno salvaxe.