DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

miércoles, 30 de septiembre de 2015

GALICIA CONFIDENCIAL: DESTAPANDO O PASTEL DA XUNTA (ARTIGO QUE ME PUBLICARON)


Deíxovos o enlace a un artigo que me publicaron en Galicia Confidencial, un medio de comunicación que sempre se amosou implicado e disposto a sacar á luz as inxustizas que se cometen contra o lobo.


(Preme no enlace ou na imaxe para ler o artigo completo)




domingo, 27 de septiembre de 2015

ASASINOS DE LOBOS EN GALICIA


Mentres a administración autoriza batidas no lugar de cría do lobo e mira para o outro lado, familias completas continúan desaparecendo cada ano.




lunes, 7 de septiembre de 2015

O REGRESO DO LOBO


E así foi como un día o lobo regresou á súa terra, de onde nunca debeu faltar.

Hai un ano tiveron que fuxir para salvar as súas vidas e durante todo este tempo nada soubemos deles. Por moito que buscamos non os atopábamos e non sabíamos que pensar. ¿Tal vez aquela fatídica tarde ningún conseguira escapar da cacería contra o lobo? Pero por sorte hoxe o lobo regresou, e percorre os camiños gastados dos seus pais, avós e outros que estiveron moito tempo antes.


Ver vídeo (preme a imaxe)





martes, 31 de marzo de 2015

A VERDADEIRA FORZA DO LOBO IBÉRICO


Tras varias xornadas de rastrexo despois de localizar excrementos, pegadas, rascazos e carroñas, xa teño suficiente información para elixir algún punto elevado no que facer unha espera. Na miña busca, ao meu paso deixei lugares da nosa terra incribles e agochados onde só os lobos poden levarte, que por sorte están lonxe dos intereses dos homes que poderían rematar por estragalos. Aquí non hai nin estradas, nin pedreiras, nin parques eólicos. E que siga así para que poidamos conservar un pequeno anaco da rica natureza galega para os fillos dos nosos fillos.


Fago unha última "exploración" para situarme ben e identificar cales poderían ser os puntos clave dos lobos, tamén elixo tres zonas elevadas dende onde probarei a facer as esperas. Marcho sabendo que despois da tempada de caza os lobos seguen aí a pesar duns poucos que fan todo o posible por matalos.


Chega o día da espera e cargo telescopio, trípode, cámaras e prismáticos, roupa de abrigo, coche e cara a serra. Estou no monte cando aínda é noite pechada, e camiño a paso apurado 45 minutos mentres me acompáñan os sons da noite. Chego confiando en ter acertado coa interpretación dos datos que obtiven nas xornadas anteriores. Instálome, e camuflado no medio dos toxos semello unha rocha máis.


Con moita ilusión comezo a buscar nun claro arredor dunha zona de mato alto, por un cortafogos e nalgún camiño. Vexo dous xabarís, un grupo de vacas que aínda están deitadas e cabalos. Tras case una hora detecto un movemento no claro. Enfoco ben o telescopio e atopo un lobo adulto que se dirixe cara o cortafogos, pero hai máis movemento. Vexo un segundo lobo, un terceiro, un cuarto e o quinto. Nese momento estou vendo como un grupo familiar de lobo ibérico percorre o seu territorio. Transmiten forza e nobreza, e toda esa parte salvaxe que xa perdemos nós, a sensación de liberdade.


Cruzan o cortafogos e tres exemplares adultos déitanse sobre unhas rochas para quentarse ao sol. Mentres, os dous exemplares subadultos comezan a xogar para fortalecer o vínculo familiar, a unión do grupo, a verdadeira forza do lobo ibérico. Podedes ver a continuación un fragmento do vídeo cos xogos dos dous lobos.


                                       Pulsa sobre a imaxe ou sobre o link para ver o vídeo.





sábado, 17 de enero de 2015

Controis encubertos, batidas e estudos de radiomarcaxe

  

Hai uns meses en plena época de cría do lobo e no punto exacto onde estaban os lobos, apuraba o paso para chegar ao alto antes de que comezara a anoitecer, moi emocionado como me ocorre sempre que saio ao monte. Unha desas tardes de verán, tranquila, sen vento. Cando estaba a piques de chegar ao punto máis alto do monte por un paso de gando entre toxos de máis dun metro e medio de altura, moi “camuflado” ía, cando dous disparos racharon a paz do monte.

Preocupación dobre, a miña seguridade, fixen todo o que puiden para que se notase que estaba alí, e polos lobos. Os disparos viñan da parte alta da rega dos lobos, da súa casa. Xa o vivín outras veces pero non por iso sentín menos impotencia cá primeira.

Pero esta vez era diferente, todo era máis truculento e pola miña cabeza comezaron a pasar tanto a administración como os gardas, porque neste grupo había un exemplar equipado con colar de radiomarcaxe. ¿Como é posible que cos cartos de todos se paguen “investigacións” que din que van permitir coñecer mellor a especie e a conservala é que despois contribúen a danar as poboacións de lobos?

Isto xa o escoitara moitas veces, só que está vez tocoume vivilo de primeira man. A crueza e a traxedia chegaban aos lobos da man da Xunta, que no mellor dos casos volveu a amosar o descontrol e falta total de coordinación interna, e no peor dos casos a información obtida co estudo de radiomarcaxe que pagamos todos podería ter derivado na celebración da batida no fogar dos lobos.

A consecuencia foi que un grupo reprodutor estable desapareceu sen deixar pistas.

É posible que nunca cheguemos a saber o que aconteceu, pero a pesar de todo temos que ser optimistas porque o lobo volverá, o lobo é forte e saberá sobrepoñerse as trabas que pomos no seu camiño. Unicamente agardo que cada vez sexan menos as súas dificultades, e máis os amigos do lobo que o queremos vivo percorrendo coutos e camiños, deixando as súas pegadas nos nosos montes. O lobo, sempre atento, intelixente, protector, vixiando o seu territorio con ese fermoso ollar, que ben pode ser coma mirar aos ollos á natureza pura.

Ao inicio da entrada tedes unha imaxe da fermosa loba.