DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

sábado, 17 de enero de 2015

Controis encubertos, batidas e estudos de radiomarcaxe

  

Hai uns meses en plena época de cría do lobo e no punto exacto onde estaban os lobos, apuraba o paso para chegar ao alto antes de que comezara a anoitecer, moi emocionado como me ocorre sempre que saio ao monte. Unha desas tardes de verán, tranquila, sen vento. Cando estaba a piques de chegar ao punto máis alto do monte por un paso de gando entre toxos de máis dun metro e medio de altura, moi “camuflado” ía, cando dous disparos racharon a paz do monte.

Preocupación dobre, a miña seguridade, fixen todo o que puiden para que se notase que estaba alí, e polos lobos. Os disparos viñan da parte alta da rega dos lobos, da súa casa. Xa o vivín outras veces pero non por iso sentín menos impotencia cá primeira.

Pero esta vez era diferente, todo era máis truculento e pola miña cabeza comezaron a pasar tanto a administración como os gardas, porque neste grupo había un exemplar equipado con colar de radiomarcaxe. ¿Como é posible que cos cartos de todos se paguen “investigacións” que din que van permitir coñecer mellor a especie e a conservala é que despois contribúen a danar as poboacións de lobos?

Isto xa o escoitara moitas veces, só que está vez tocoume vivilo de primeira man. A crueza e a traxedia chegaban aos lobos da man da Xunta, que no mellor dos casos volveu a amosar o descontrol e falta total de coordinación interna, e no peor dos casos a información obtida co estudo de radiomarcaxe que pagamos todos podería ter derivado na celebración da batida no fogar dos lobos.

A consecuencia foi que un grupo reprodutor estable desapareceu sen deixar pistas.

É posible que nunca cheguemos a saber o que aconteceu, pero a pesar de todo temos que ser optimistas porque o lobo volverá, o lobo é forte e saberá sobrepoñerse as trabas que pomos no seu camiño. Unicamente agardo que cada vez sexan menos as súas dificultades, e máis os amigos do lobo que o queremos vivo percorrendo coutos e camiños, deixando as súas pegadas nos nosos montes. O lobo, sempre atento, intelixente, protector, vixiando o seu territorio con ese fermoso ollar, que ben pode ser coma mirar aos ollos á natureza pura.

Ao inicio da entrada tedes unha imaxe da fermosa loba.