DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

sábado, 28 de agosto de 2010

Actualización lobo morto na Serra da Faladoira


Segundo os datos oficiais da Xunta de Galicia tratábase dun exemplar adulto (esp lobo ibérico, nc Canis lupus signatus), macho duns 4 anos. Aínda non se lle realizou a necropsia, e existen dúbidas sobre se a causa da morte foi por atropelo ou disparos.

jueves, 26 de agosto de 2010

Miñato real no Suído


Semella que o Miñato real (esp; Milano real, lat; Milvus milvus) sucumbiu ó encanto do Suído. Por segundo ano consecutivo déixase ver na zona sur no mes de agosto. Se cadra polas escasas oportunidades que teño de velo e pola súa beleza, cada encontro tornouse en ledicia. É certo que nalgún intre foi preocupación. Cando observas unha ave arrimarse e xirar cerca das aspas dos aeroxeradores, a ledicia da paso á angustia.

Especie estival e pouco común en Galicia. Aínda que de aspecto semellante ó Miñato Negro ( esp: Milano negro, lat; Milvus migrans), distínguese facilmente pola cor prateada da súa cabeza, os tons máis claros e a súa cola máis gallada. En voo, como se pode apreciar na imaxe de cabeceira, mostra a parte media das ás de cor branca rematando estas en puntas negras. Semella ser un exemplar inmaturo porque ten a cabeza algo escura, e a cola menos gallada.

Os Milvus milvus que aniñan máis ó norte de Europa,desprázanse ó sur para invernar, chegando algúns ó norte de África.

Agardemos que se manteña a tendencia, e o vindeiro verán gocemos novamente do seu planar no Suído.


lunes, 23 de agosto de 2010

Aparece un lobo morto na Serra da Faladoira


O pasado 12 de Agosto atopouse un lobo morto na Serra da Faladoira ó pé da estrada. Unha verdadeira mágoa.

Ampliar información seguindo o enlace ó blog http://costaartabra.blogspot.com onde se publicou orixinalmente a nova.

miércoles, 11 de agosto de 2010

Cando os lobos ouvearon


Sempre que preciso afastarme das présas e do ruído da vida cotiá, busco algún lugar íntimo, esquecido,...paisaxes fermosas que habitualmente atopo seguindo os pasos do lobo. Semella que dalgunha maneira compartimos gusto polo estético, e acabamos nos mesmos recunchos no corazón da montaña.

Propúxenme explorar un monte descoñecido para min, coa esperanza non confesada de atopar alí ó lobo. Semellaba un hábitat que reunía boas condicións para a súa supervivencia, agás por ser unha zona moi humanizada cun "elevado" tránsito de persoas. Coma sempre, instintivamente adentreime nos camiños que levan ás zonas máis recónditas. O resultado foi que non tardei en atopar rastros recentes que deixabn ás claras que alí, no anonimato, había un grupo establecido. Nin queixas de gandeiros, nin novas por danos ó gando nin avistamentos fortuítos.

Volvín na procura da confirmación definitiva. Agochado entre os penedos, integrado no contorno cos prismáticos preparados, vin como o lobo descendía por un camiño. O paso maxestoso do rei do monte facía entrada para o meu deleite. Como nun feitizo flotando no ar, desexando que non rematase, contemplo a poderosa esencia dunha especie.

Regresei a noitiña para achegarme á súa intimidade. Subín á montaña coa mesma ilusión da primeira vez. Unicamente o son dalgunha choca rachaba o silencio. Ese día tiven a sorte de poder escoitar ós meus amigos con máis de tres minutos de ouveos continuos. A manada completa entoou o canto máis fermoso e melódico que poida existir na natureza. Nesa altura sentinme cheo, feliz porque o lobo aínda está aquí.

viernes, 6 de agosto de 2010