DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

domingo, 13 de febrero de 2011

Irmán Lobo



Poucos animais espertan tantas paixóns coma o lobo. Sentimentos normalmente extremos. Todo o mundo ten unha opinión sobre o lobo, e é capaz de "falar" sobre o seu comportamento e opinar con "todo grao" de detalle acerca de calquera aspecto relacionado con este animal. Todo isto, na meirande parte dos casos dende o descoñecemento máis absoluto.

De case veneración por parte de quen ve a necesidade de preservalo porque representa esa parte da natureza salvaxe que temos que protexer a toda costa, e por outra banda esperta os peores sentimentos dos que ven ó lobo como un ser capaz de traer desgrazas ó home, mesmo coma se dunha maldición se tratase .

Hai moitos mitos arredor do lobo. Historias fantásticas, contos, fábulas que pouco teñen que ver co animal biolóxico, pero que se manteñen froito da tradición popular. Crenzas que converten ó lobo nun animal case diabólico capaz de cometer os delitos máis terribles. Perigoso para o home, sanguinario, mata por matar, non ten ningún valor para a sociedade nin para o medio no que vive, é quen de paralizarte ou maldicirte coa súa ollada.

Pero isto non deixa de ser só iso, tradición popular rancia e afastada da realidade. Formúlase polo tanto a necesidade de achegar á xente o lobo real, o lobo que sobrevive nos nosos montes, e afastar a percepción equivocada que temos a través da súa dimensión fantástica que o converte no gran inimigo.

Cando afirmo isto, moitas veces vexo caras de incredulidade, ou mesmo obteño respostas que tentan desacreditarme. Chámame a atención que as palabras que condenan a este animal, nunca teñen datos concretos que poidan apoiar tales pensamentos. Parece que é culpable porque sí porque o manda a tradición. ¿ Que pensarías se nun xuízo condenasen a alguén sen probas só pola súa fama?

¿ Por que afirmo que o lobo non é perigoso para o home?

Por dúas razóns. Polas estatísticas, e pola miña experiencia con eles.

En España hai unha poboación importante de lobos. Viven entre nós nun medio altamente humanizado chegando a criar mesmo preto das vilas. A súa actividade desenvólvese nun medio compartido con moitas persoas cada día. Para afirmar que é un animal perigoso para o home, teriamos que basearnos en feitos con datos obxectivos de ataques a persoas. ¿ Cantos ataques houbo nos últimos vinte anos?. Ningún. Polo tanto, ¿ non parece lóxico pensar que no noso tempo o lobo non representa unha ameaza para nós?.

Levo anos observando ós lobos, e téñome atopado con eles no monte en moitas ocasións. Xamais vin un mal xesto cara a min. Para complementar a estatística e ofrecer unha visión máis próxima, vou contar dous dos moitos encontros que tiven co lobo, e nos que poderedes ver que como moito amosa curiosidade cando ten preto a unha persoa, aínda que o normal é que fuxa.

Nun deste encontros, a miña moza e eu tropezamos a pouca distancia co grupo completo do Suído sur. Catro lobos que primeiro quedaron tan sorprendidos coma nós, e despois marcharon de vagar por un carreiro, parando cada pouco para botarnos unha ollada. Foi algo emocionante, coma un soño. O macho reprodutor marcaba o paso, seguido polo resto do grupo e todo isto sen prismáticos, a uns poucos metros. Cando chegaron a un alto, dende o cumio, dous lobos seguiron atentos aos nosos pasos ata que nos perderon de vista, e nós a eles. Ese foi todo o mal que nos fixeron, darnos a oportunidade de contemplar un espectáculo único que nunca esqueceremos.

Outro encontro co lobo aconteceu despois dunha espera. Estaba nun punto alto no medio dunhas rochas cos prismáticos apuntando para un dos seus pasos habituais. Cando xa apenas había luz e sen éxito, xa que non puidera velos, decidín recoller o equipo. Cando me din a volta, apenas a doce metros nunha pista había un lobo quedo, tranquilo e ollando de fronte cara a min. Quedei parado pola sorpresa, e para non asustalo. E así permaneceu diante miña algo máis dun minuto. Despois vin como o irmán lobo marchaba camiño abaixo, e como daba a volta con cada son da miña réflex ata que o perdín na escuridade.

Polo tanto, ¿ non pensades que podemos darlle unha oportunidade ó lobo?.

No hay comentarios:

Publicar un comentario