DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

martes, 1 de febrero de 2011

Compañeiros de ruta


Para un simple afeccionado á ornitoloxía con marcada preferencia polas rapaces, resulta sinxelo descubrir especies de aves que, aínda que comúns para moitos, resultan achados interesantes que o convidan a achegarse á natureza.

Son moitas as ocasións nas que atopo unha especie que me resulta totalmente descoñecida, e outras nas que aínda que si a coñezo, non son quen de poñerlle o nome. Isto é o marabilloso de saír ao campo onde ata as pedras teñen algo que ensinarnos, e a nós non nos queda outra que aprender e gozar da sinxela beleza deste mundo afastado das présas da vida cotiá.

Esta entrada vai dedicada ao gabeador común (esp agateador común, nc Certhia brachydactyla). Decateime que aquela pequena ave que gabeaba polas árbores, me resultaba moi familiar e xa a tiña visto en Arnoia, na Paradanta e agora estaba facendo as miñas delicias en Lamas de Mouro, preto de Castro Laboreiro, nunha mancha forestal de abetos e piñeiros. De pequeno tamaño (12-13 cms), cor parda e pico longo e curvo. Traza movementos curtos e traballa incansablemente na procura de insectos para alimentarse ( arácnidos e coleópteros). Salta dunha árbore a outra continuamente, e ascende polos troncos con elegancia debuxando ás veces unha espiral. Especie sedentaria, aniña nos buracos dos troncos, baixo codias ou en raíces que deixan espazo suficiente para acoller a este pequeno convidado.

Este é outro dos compañeiros de viaxe que atopei que por ser común, non deixa de ser fascinante, e ao que xa lle puxen nome, gabeador común.

No hay comentarios:

Publicar un comentario