DEDICADA A TÓDOLOS AMANTES DA NATUREZA

domingo, 2 de mayo de 2010

Unha boa maneira de comeza-lo día

Chego á serra cando as primeiras luces do día se prenden, entre néboas e orballo. O frío como fiel compañeiro e coa ilusión da primeira vez, tomo posición dende a miña atalaia. Espero acougado e aterecido, respirando o aire puro co recendo do toxo recentemente florecido. Ó meu carón Apache, a miña cadela, coas orellas ergueitas e asomando a cabeza entre a vexetación treme pola emoción contida pois sabe o que pode acontecer. Peiteo con precisión este mundo afastado de todo e envolto en sombras que clarexa por momentos. Un movemento ó lonxe nun camiño. Teño o vento a favor. Collo os prismáticos e enfoco un fermoso animal. Poderoso, cabeza prominente e camiñar maxestoso. O lobo, o rei do monte. Sen presa chega a un cruce, cheira e marca. No cruce tira cara arriba, na miña dirección. Agochado entre a vexetación e co corazón latexando con forza, preparo a réflex. Paseniño chega á miña altura e detense. A vinte metros, que separan o meu escondedoiro e o camiño, xa non preciso nin telescopio nin prismáticos. O lobo espétame a súa ollada. Chégame dentro.

Volto cara a casa enchido, satisfeito pois de novo atopei ó meu amigo. Levo as enerxías que gañei camiñando pola serra. Poucas formas mellores se me ocorren para comeza-lo día.

No hay comentarios:

Publicar un comentario